O responsable de Gandaría do Partido Socialista, Óscar Vilar Chento, pediulle á Xunta a elaboración dun plan de recuperación para a galiña piñeira, que considera “gran esquecida” polo goberno de Feijóo. Así o dixo nunha pregunta en Comisión na que reivindicou a catalogación desta especie, propia da comarca de Arzúa, como raza autóctona.
Chento preguntoulle ao Director Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias se a Xunta tiña intención de recoñecer a galiña piñeira como raza autóctona e se existe algún plan de traballo de cara a recuperación e promoción da galiña piñeira.
O deputado socialista propuxo a inclusión da Galiña Piñeira dentro do catálogo das 11 razas gandeiras autóctonas coas que conta Galicia, e reclamoulle á Xunta que colabore co Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, ubicado en Coles –Ourense-, que depende da Consellería do Medio Rural. Este Centro é o encargado de desenvolver “as funcións necesarias para a conservación e a recuperación das Razas autóctonas de Galicia en perigo de extinción”.
Chento tamén puxo en valor o traballo “de recuperación e investigación” levado a cabo pola Asociación Galega para a Recuperación, Defensa e Produción da Galiña Piñeira (Agalpi), como pola Fundación para o Avance Científico da Veterinaria en Galicia (Acivega). Un traballo iniciado polo veterinario Xesús García e que a día de hoxe “se segue a manter por parte da Agalpi e, tamén, polo conxunto de produtores e criadores desta raza”.
Destacou o gran valor desta raza coma reclamo turístico e puxo o exemplo do concello de O Pino no que se celebra anualmente a Festa do Galo Piñeiro, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia dende o ano 2010.