O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luís Álvarez, levará ao Pleno do Parlamento da próxima semana unha iniciativa para esixirlle á Xunta a reparación urxente do edificio do Conservatorio Superior de Música de Vigo. Destacou a precaria situación xeneralizada na que se atopan as ensinanzas artísticas en Galicia, e reclamou tomar medidas urxentes para solventar os principais problemas destes centros.
Os socialistas galegos presentan así unha iniciativa para que a Xunta “a executar de xeito inmediato as actuacións máis urxentes nos edificios do Conservatorio Superior de Música de Vigo, cando menos, para garantir a eliminación de pingueiras e acadar unha temperatura axeitada”.
Álvarez reclama ademais “planificar a execución das actuacións de eficiencia enerxética precisas para que se executen durante o período non lectivo do verán do ano 2020 e dotar o centro dos recursos didácticos oportunos que garantan unha calidade educativa axeitada”.
O Conservatorio Superior de Música de Vigo pasa por ser un dos centros máis afectados por problemas de mantemento. Neste centro “existen des hai varios cursos serios problemas de mantemento que dificultan o normal desenvolvemento das actividades docentes; pingueiras, deficiencias nas aulas, malas condicións acústicas e térmicas e carencia de material instrumental e didáctico adecuado”.
O responsable socialista criticou o “grao de abandono por parte dos responsables da Consellería de Educación”, que considera “incomprensible” por canto “existe capacidade orzamentaria para atender a totalidade das necesidades que presenta”. Advirte de que tanto o Conservatorio de Vigo como o Conservatorio Superior de Música da Coruña “son os únicos de grao superior da Comunidade Autónoma de Galicia”.
Explicou que as execucións orzamentarias entre 2016 e 2018 “as cantidades destinadas a ensinanzas artísticas reducíronse en 15 millóns de euros o que supón un 16,44 por cento” con respecto ás previsións orixinais.
Advertiu así da “precaria situación en materia de infraestruturas das ensinanzas artísticas na comunidade autónoma”, e urxiu encetar as necesarias “reparacións, ampliacións e melloras nos centros de ensinanzas artísticas” e a “demanda de novas dotacións e equipamentos e reposición do material deteriorado”.