Denuncian que as axudas do Goberno galego son insuficientes e se convocan tarde, de modo que impiden realizar unha correcta planificación das tempadas e lastran as contas municipais
Demandan máis formación que facilite o acceso dos profesionais á habilitación para traballar como socorristas
Os socialistas de Galicia reiteraron hoxe a necesidade de que a Xunta asuma as súas funcións e, ademais de adoitar medidas efectivas para paliar a falta de socorristas na comunidade, achegue financiamento suficiente aos Concellos para garantir o servizo de salvamento en praias e instalacións públicas. O secretario xeral da provincia da Coruña, Bernardo Fernández; o secretario de Política Municipal do PSdeG, Juan Manuel Rodríguez, e o alcalde de Valdoviño, Alberto González, puxeron de manifesto esta mañá na praia da Frouxeira un problema que afecta a todos os municipios de costa ou que dispoñen de zonas públicas de baño, pero “especialmente aos máis afastados das cidades”, subliñou este último.
Bernardo Fernández denunciou a “sobrecarga de competencias impropias” dos municipios, tamén en materia de emerxencias. “A Xunta limítase única e exclusivamente a sacar unhas subvencións tarde e mal definidas”, de modo que os concellos se teñen que ocupar sos de garantir a seguridade nas praias. O secretario provincial lembrou que se trata “de salvar vidas”, e por iso esixiu á Xunta que “dunha vez por todas asuma as súas competencias”.
Fernández sinalou que cando non o fai ou cando non achega os recursos necesarios para poder desenvolvelas dende o ámbito local, está lastrando as economías dos concellos, que se ven na obriga de detraer fondos propios de outras partidas que son necesarias, algo que está a acontecer non só co salvamento, senón con ámbitos tan importantes como a axuda no fogar ou o mantemento das instalacións educativas.
Nesa liña, Juan Manuel Rodríguez criticou que a liña de subvencións autonómicas contempla un máximo de 40.000 euros para cada concello, unha cantidade “tremendamente insuficiente”. Denunciou tamén que os municipios de interior teñen menos puntuación que os de costa para obter as axudas, cando moitos deles deben prestar o servizo en instalacións que non poden abrir sen el. A iso únese a “falta de planificación” dunhas convocatorias que “están saíndo dun xeito moi tardío, o que fai que non se poida programar o gasto”.
O secretario de Política Municipal explicou que esa circunstancia contribúe á falta de profesionais, posto que as deficiencias no financiamento derivan á súa vez en condicións laborais menos atractivas. “Neste momento hai moita xente que pode exercer a profesión do socorrismo e non o está facendo por culpa desa realidade”, afirmou. “Fai falta, en definitiva, maior financiamento e mellor programación para que cada concello poida contar con ela antes do inicio do verán”, resumiu.
Alberto González pechou a comparecencia, na que tamén estiveron presentes, entre outros cargos socialistas, o deputado autonómico Julio Abalde, a concelleira en Valdoviño e deputada provincial Rosa Ana García e a coordinadora comarcal, Natividad González Laso.
O alcalde de Valdoviño recordou que o do socorrismo é un problema de gran importancia en moitos concellos pola afluencia de visitantes durante o verán, o que obriga a dispor de moitos recursos. “A problemática vén de hai anos e é certo que, grazas á presión dos concellos e da Fegamp, modificáronse algunhas condicións para que poidamos dispor de algún socorrista máis, pero a día de hoxe aínda non podemos completar os nosos cadros de persoal”, relatou sobre o que se refire aos recursos humanos, ao que engadiu as dificultades económicas que enfrontan os municipios. “En Valdoviño temos 17 praias e agora mesmo podemos aternder 5”, indicou a modo de exemplo.
O rexedor denunciou que, ademais do escaso importe das subvencións que concede a Xunta para sufragar o servizo (os anteditos 40.000 euros como máximo por concello e ano), ese importe só se pode dedicar a persoal. “Non estamos valorando todas as necesidades vinculadas co salvamento nas praias”, dixo en referencia ao material e equipamentos que necesitan os socorristas para desenvolver correctamente o seu labor.
Ao igual que o secretario de Política Municipal, incidiu na incongruencia de que perciban a mesma cantidade municipios con moi diversas circunstancias. “Non é o mesmo un concello con 17 praias que un cunha soa”, argumentou. “A Xunta debería reflexionar sobre isto”, engadiu. Por último, González incidiu na necesidade de que se implemente máis formación e de que se habiliten máis canles para que os profesionais poidan rexistrarse para traballar como socorristas. “Iso axudaría a mellorar a seguridade nas nosas praias”, afirmou.