O deputado Julio Abalde presenta unha iniciativa na que insta á Xunta de Galicia a que intensifique os seus esforzos para que os pósitos galegos poidan acceder aos fondos estruturais da UE, que González Casares califica de “fundamentais” para o sector
O eurodiputado socialista Nicolás González Casares e o deputado autonómico Julio Abalde reforzan a súa posición a favor das singularidades do sector pesqueiro galego na reforma da Política Pesqueira Común (PPC) da Unión Europea. Ambos subliñan a necesidade de que as confrarías de pescadores galegas teñan un papel destacado nesta reforma, dada a súa relevancia tanto no ámbito social como económico.
González Casares defende que “as confrarías representan boa parte do tecido social e das comunidades pesqueiras en Galicia, e por iso é esencial que sexan consideradas na reforma da PPC, tanto a nivel social como económico”. O eurodiputado socialista galego destacou que levará esta reivindicación a Bruxelas para, dixo, asegurar , que a acuicultura, o marisqueo e a pesca artesanal galegas sexan defendidas nos foros europeos.
Paralelamente, o deputado autonómico Julio Abalde presentou unha iniciativa no Parlamento de Galicia para pedir o apoio a toda a Cámara para o recoñecemento das confrarías de pescadores como entidades equivalentes ás organizacións de produtos pesqueiros, para que poidan acceder aos fondos estruturais europeos, como o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e da Acuicultura (FEMPA).
“É unha reivindicación histórica das confrarías que Bruxelas recoñeza o seu papel fundamental na xestión pesqueira. A Xunta de Galicia debe intensificar os seus esforzos para que poidan acceder aos fondos estruturais da UE”, afirmou o deputado do PSdeG.
En Galicia, a maioria das 63 confrarías de pescadores non só teñen un papel clave na xestión pesqueira, na produción e na comercialización, senón que tamén levan a cabo un traballo fundamental no eido da responsabilidade social.
Os socialistas galegos comprométense a seguir traballando conxuntamente para que Galicia teña un papel relevante na reforma da Política Pesqueira Común, tanto en Santiago como en Bruxelas, garantindo que se teña en conta a voz e os intereses das comunidades pesqueiras galegas.