A Executiva do PSdeG analizou a situación crítica dos municipios polas competencias impropias que a Xunta descarga neles
A conferencia política que o PSdeG está preparando para o inicio do curso político desenvolverase en diferentes cidades e concellos da xeografía galega. A secretaria adxunta de Organización, Ana Pena, explicou hoxe, tras a reunión da Comisión Executiva Nacional Galega, que a convención estenderase ao longo do trimestre. Unha vez que rematen as reunións sectoriais, que contarán coa participación de expertos de diferentes ámbitos, pecharase nun último encontro no que se elaborarán as conclusións.
Pena detallou que nesta ocasión os socialistas galegos optaron por estender a conferencia tanto no tempo como xeográficamente co fin de facilitar un dos seus obxectivos, que é abrila á participación.
Por outra banda, explicou que un dos temas tratados na executiva foi a relación da Xunta cos concellos. Lembrou neste senso que o Goberno de Rueda, “e antes o de Feijóo”, estivo delegando unha cantidade crecente de responsabilidades aos concellos “sen proporcionar o financiamento necesario”. Isto provoca, afirmou, unha sobrecarga de traballo e recursos aos gobernos locais, que agora se ven obrigados a xestionar áreas que non lles corresponden. Esa falta de recursos, engadiu Ana Pena, deriva na diminución na calidade e dispoñibilidade de servizos públicos básicos.
Criticou tamén a carga económica que vai supoñer para a Administración local o incremento do canon de Sogama, produto da “incapacidade” da Xunta de renovar un modelo no que segue primando a incineración e o depósito en vertedoiros en lugar da reciclaxe.
Así, os concellos “non contan cos recursos necesarios para facer fronte a estas novas responsabilidades, e iso crea un desequilibrio que pon en risco a sustentabilidade económica de moitos municipios, especialmente os máis pequenos”. Dese modo, a Xunta de Galicia, que “impuxo estas atribucións sen un diálogo adecuado cos gobernos locais”, debería proporcionar “o financiamento necesario” e establecer unha planificación “coordinada e consensuada”.