O secretario de Economía e Emprego do PSdeG, Abel Losada, critica que o Goberno galego repita a estratexia que privou á comunidade de participar no Fondo de Liquidez Autonómica, “con tipos de interese menores que os do mercado”, co fin de darlle soporte “ao relato de Feijoo como gran xestor para dar o salto a Madrid”
Lembra que durante os gobernos do PP, primeiro con Feijoo e agora con Rueda, a débeda da comunidade multiplicouse por tres, ao pasar de 4.000 millóns de euros a máis de 12.000
Os socialistas galegos criticaron hoxe a través do seu secretario de Economía e Emprego, Abel Losada, o anuncio do presidente da Xunta de que rexeitará que o Estado asuma a débeda de Galicia. Iso demostra que o Partido Popular “claramente antepón os seus intereses estratéxicos de política estatal aos intereses de Galicia e aos intereses dos galegos e as galegas”, en vésperas da reunión que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, vai manter con Alfonso Rueda o vindeiro venres.
Losada sinalou que dende que o PP goberna en Galicia, primeiro con Feijoo e agora con Rueda, a débeda da comunidade pasou de 4.000 millóns de euros a máis de 12.000, é dicir, multiplicouse por tres.
Recordou, tamén, que pese a esa gran suba, o Goberno de Feijoo xa rexeitou no seu momento que a Xunta se beneficiase de participar no Fondo de Liquidez Autonómica, que permitía ás comunidades “financiarse con tipos de interese menores que os do mercado”, de modo que “aí os galegos e as galegas perdemos fondos”. O motivo daquela decisión, explicou o secretario socialista de Economía, non foi outro que tratar darlle veracidade ao relato que se estaba construndo arredor de Feijoo “como un gran xestor para dar o salto a Madrid”. “Lamentablemente, a xestión vémola agora”, sentencióu Abel Losada.
Con todo, advertiulle a Rueda que “o que ten que facer é defender os intereses de Galicia, dos galegos e as galegas, e non defender os intereses das institucións financieiras que nos prestan fondos” a tipos máis elevados que o FLA e que deixarían de facer negocio coa débeda galega se o Estado se fixese cargo dela. “Rueda ten que ter un proxecto de país, e non o ten en termos industriais, non o ten en termos territoriais e, lamentablemente, tampouco o ten en termos financieiros”, reprochou Losada.