César Mogo recordou na Comisión de Pesca do Senado que a Administración autonómica ten “competencias exclusivas” na materia
Sinalou que é responsabilidade do Goberno galego prestar apoio económico aos profesionais mentres os bivalvos non acadan o tamaño de comercialización
O senador criticou que o PP se descolga por segunda vez do proxecto de rexeneración, logo de que no 2018 cambiara o seu criterio para negarse a participar nas obras
O senador do PSdeG César Mogo defendeu hoxe na Comisión de Pesca da Cámara Alta que a Xunta se faga cargo da metade dos fondos necesarios para a extensión das axudas aos mariscadores e mariscadoras da ría do Burgo, por ser a Administración “con competencias exclusivas en materia de marisqueo”. Mogo subliñou que se trata dunha postura “razoable”.
Porén, o parlamentario socialista propuxo que o Estado complemente ese apoio económico “cun 50 % adicional” mentres os bivalvos que se sementaron tras a conclusión da dragaxe do estuario acadan o tamaño axeitado para a súa comercialización.
O senador galego lamentou que o PP se opuxese á proposta, de modo que se volve descolgar do proxecto de rexeneración da ría, logo de que no 2018 cambiase de criterio e a Xunta se negase a participar nas obras.
Mogo insistiu no compromiso que o delegado do Goberno xa lle trasladou á Confraría da Coruña a principios de mes, cando explicou que aínda que a responsabilidade do apoio económico recae na Xunta, o Executivo central está disposto a contribuír con ese 50 %.
Os novos fondos engadiríanse aos 3,6 millóns de euros xa aboados mentres se desenvolvía o proxecto de recuperación. Nese senso, o senador, denunciou que a portavoz dos populares na comisión “mentiu” durante o debate ao dicir que non se lles entregaran subvencións aos profesionais que tiveron que parar a súa actividade por mor da dragaxe.
O obxectivo das axudas, destacou César Mogo, é “protexer” a mariscadores e mariscadoras, e non existen razóns que amparen a actitude “rañicas” da Xunta ao negarse a achegar fondos. Con iso, o PP “vólvelles dar as costas”.