A secretaria de adxunta de Organización do PSdeG e o secretario xeral na provincia de Lugo alertaron en Burela, xunto a alcaldes, alcaldesas, voceiros e voceiras socialistas na comarca, da falta de médicos de atención primaria
Expuxeron que hai 9 vacantes nos centros de saúde mariñáns, ao que hai que sumar que non se están cubrindo nin as vacacións nin as baixas “cando moitos municipios vén triplicada a súa poboación” na época estival
A secretaria adxunta de Organización do PSdeG explicou hoxe en Burela que o Partido Socialista leva tempo denunciando as carencias no sistema sanitario e só “vemos como empeora a situación e se volve insostible”. “O que se está a vivir en Burela esténdese por todos os municipios da contorna, da provincia e de Galicia. Neste caso súmase a outros como o de Castro de Rei, onde o centro de saúde pecha durante o verán, o de Vilalba, onde os nenos e nenas son atendidos polos médicos de familia ou derivados ao HULA, ou o que acontece en Mondoñedo e Barreiros, que se comparte o servizo de pediatría”, expuxo Pena.
“Estamos á cola na atención sanitaria do país, con máis do 60 % dos concellos sen servizo de pediatría”, subliñou a socialista. Así mesmo, reiterou a petición dun plan de choque urxente, dotado cos recursos suficientes para corrixir esta xestión deficitaria e esta demora na atención sanitaria que estamos padecendo os galegos e as galegas”.
“O Goberno do Estado vén de asinar unha partida de máis de 11 millóns de euros para o reforzo en Galicia da atención primaria, para unha competencia que é exclusiva da Xunta e para un servizo que é esencial para os galegos e galegas”, explicou.
Ana Pena alertou desta situación diante do centro de saúde burelés xunto ao secretario xeral do PSdeG na provincia lucense e presidente da Deputación, José Tomé Roca; a alcaldesa de Burela e deputada provincial, Carmela López; membros da executiva provincial, alcaldes, alcaldesas, voceiros e voceiras socialistas na comarca.
Tomé Roca denunciou a precariedade que sofre a sanidade na Mariña en plenos meses de verán e explicouno con cifras. Detallou que na comarca hai 9 vacantes de médicos de familia sen cubrir, ao que hai que sumar que tampouco se están cubrindo as baixas nin as vacacións dos facultativos.
Falta de cardiólogo no hospital
“É o que pasa en Barreiros, por exemplo, que vai quedar cun médico só no mes de agosto, cando é precisamente nesta época do ano cando se triplica a poboación na localidade pola chegada dos turistas”, relatou. Unha situación que se replica nos concellos de Viveiro, Foz, O Valadouro, Cervo ou O Vicedo. Tamén alertou da falta de cardiólogo dende a xornada deste mércores no Hospital Público da Mariña, “algo realmente preocupante que pon en risco a saúde da xente”.
“Lamentablemente non é un tema novo, dende o PSdeG levamos dende hai tempo urxindo unha solución aos problemas que atravesa a sanidade pública galega. Estamos no peor momento en anos”. “Necesitamos que alguén lle poña cabeza, eu onte mesmo reuníame con Alfonso Rueda e pedinlle unha estratexia para solucionar este problema porque as medidas que toman dende Xunta de Galicia nesta materia parecen improvisadas e van dando tumbos”, expuxo Tomé Roca. Así mesmo, pide políticas sanitarias públicas, porque o que está pasando, explicou, é que o PP “está expulsando aos sanitarios da pública, que se ven na obriga de traballar na sanidade privada, e paralelamente, derivando aos pacientes a realizar probas diagnósticas e consultas á privada. Evidentemente esta non é sanidade pública que defendemos os socialistas para Galicia”.
Días con só dous médicos en vez dos seis que figuran no cadro de persoal
A alcaldesa de Burela e deputada provincial, Carmela López, pola súa banda, denunciou que no centro de saúde de Burela “temos días de só dous médicos dos seis que deberíamos ter, non se están cubrindo nin vacacións nin baixas e hai peonadas polas tardes dúas veces á semana”. Detallou que “os nosos veciños e visitantes teñen que esperar entre dúas semanas, ou incluso tres, para ter unha cita de atención primaria”.
“Isto está saturando a nosa atención primaria. O que consideramos que hai que acabar con esa precariedade laboral e fomentar contratos de longa duración e non ofertar contratos dunha semana ou quince días que non atraen a profesionais”, subliñou.