Lara Méndez lamenta o estado no que se atopa o monumento lucense en plena tempada turística debido á nula planificación do Goberno galego
A deputada critica que non se desenvolveran as necesarias actuacións de limpeza e mantemento, o que provoca unha mala imaxe da cidade e de Galicia
A deputada socialista lucense Lara Méndez denunciou hoxe a situación na que se atopa a muralla de Lugo pola falta de tarefas de limpeza e mantemento, que competen á Xunta de Galicia ao tratarse dun ben patrimonio mundial. Por ese motivo, vén de rexistrar unha iniciativa parlamentaria na que reclama ao Goberno galego que lle presete ao monumento a atención que precisa.
Méndez sinala que a Muralla é un dos principais motivos polos que a capital luguesa se ten convertido nun referente turístico nos últimos anos, de modo que o “estado lamentable” no que se atopa a día de hoxe “dá moi mala imaxe”, tanto da cidade como de Galicia, porque se trata dun dos únicos catro bens galegos que contan co recoñecemento da Unesco.
“Demandamos da Xunta unha mellor planificación”, explicou a parlamentaria socialista, que, aínda que recoñeceu que Lugo conta cun turismo relativamente “desestacionalizado”, non é de recibo que na época estival, “coa maior afluencia de xente, atopemos a Muralla no estado no que a estamos a ver”.
Na actualidade, a vexetación toma diversos puntos do munumento, polo que Lara Méndez esixe ao Goberno de Rueda “que faga unha limpeza coa máxima celeridade”, pero tamén que, de cara ao futuro, planifique estas actuacións co fin de que “cando cheguen estas datas non atopemos así a nosa Muralla”.