O senador César Mogo criticou que a Xunta non solicitase a declaración de zona catastrófica tras os temporais do pasado outubro, o que impide que o Estado conceda axudas ao sector para paliar os prexuízos das choivas
O parlamentario galego sinalou no debate na Cámara alta que o Goberno galego elude as súas competencias e o mandato do Parlamento de Galicia de prestar apoio económico aos profesionais afectados
Santiago, 22 de maio. O senador galego César Mogo defendeu hoxe no Senado a postura dos socialistas “a favor do apoio aos mariscadores e en contra de quen pretenden instrumentalizalos políticamente”. A Cámara alta debateu esta mañá unha iniciativa do BNG redactada o 3 de maio, “previamente a que, o 7 de maio, o Parlamento de Galicia instara por unanimidade á Xunta a asumir as súas responsabilidades” e conceder axudas directas aos mariscadores e ás mariscadoras que sufriron cuantiosos danos pola intensidade das chuvias do pasado outubro, “e que hasta a data só recibiron unhas achegas moi escasas da Administración autonómica”, explicou.
Mogo criticou que o grupo do PP emendou o texto “sen engadir nada novo, pero coa manifesta intención de traspasarlle ao Goberno central unha responsabilidade que é da Xunta, co fin de eludir as súas competencias en materia de axudas e, ao tempo, o mandato do Parlamento galego”.
Por ese motivo, detallou, os socialistas non puideron apoiar “unha mala moción” e decidiron absterse na votación. “A Xunta non se pode substraer á obriga de indemnizar ao colectivo de mariscadores e mariscadoras e tratar de ocultar, así, a neglixencia que a Consellería do Mar cometeu ao non declarar zona catastrófica de emerxencia a área afectada pr aqueles temporais”, relatou, para aclarar que ese sería o xeito de que os profesionais puidesen acceder de xeito inmediato a axudas do Goberno central. O resultado é que “non se pode conceder o que a Administración competente non solicitou”.
Por todo iso, César Mogo considera que a moción só representa “un intento de tapar a torpeza do Goberno de Galicia, e por iso se trabuca o Bloque ao aceptar os postulados do PP”. Pola contra, o senador socialista asegurou que “para traballar a prol dos mariscadores e apoialos ante esta situación concreta, e ante a crise máis fonda que supón a caída do consumo, contaron e contan cos socialistas”.
“Suxerímoslle á Xunta que, en vez de terxiversar e falsificar o que acontece, asuma a súa responsabilidade e se sente a dialogar co Goberno de España, porque así, traspasando as culpas a quen non as ten, non se axuda ao sector”, concluíu Mogo.