A senadora Carmela Silva defendeu na Comisión Xeral das Comunidades Autónomas o cumprimento do acordo de investidura e criticou que o BNG lle esixa ao Goberno central algo que non está entre as súas funcións, senón entre as do Executivo galego
O Grupo Socialista defendeu hoxe na Comisión Xeral das Comunidades Autónomas que sexa a Xunta, dentro das súas responsabilidades, a que solicite o traspaso a Galicia das competencias que contempla o Estatuto de Autonomía e as que se acorden no Parlamento galego.
A senadora Carmela Silva cualificou de “equivocación” a proposta do BNG de esixirlle ao Goberno central “o que debe facer a Xunta de Galicia”. Os nacionalistas levaron a debate unha moción na que instaban ao Goberno a convocar a comisión mixta para negociar a transferencia dunha trintena de competencias xunto coa participación da Administración autonómica en diversos organismos estatais, algo que Silva rebateu recordando que “é á Xunta á que lle corresponde impulsar a celebración da comisión mixta, pero limitouse a pedir unicamente o traspaso de competencias do litoral, e nin sequera a da AP-9”.
A parlamentaria insistiu en que o Partido Socialista apoia o cumprimento íntegro do acordo de investidura asinado co Bloque, que diferenciou de calquera outra negociación sobre asuntos que non estiveran contemplados no documento.
Porén, explicou que o Goberno de Pedro Sánchez “non ten inconveniente en acordar novos traspasos, pero a iniciativa é de Galicia, da Xunta e do seu Parlamento”, e sinalou que, “ata hoxe, o PP bloqueouno”. “É ao Goberno de Galicia e non ao do Estado a quen lle compete facer un traballo que ata a data non fixo”, insistiu.
Carmela Silva lembrou durante a súa intervención que durante os 15 anos de gobernos de Feijoo e Rueda non se solicitou “nin un só traspaso” ao Estado e que foi o presidente Emilio Pérez Touriño quen acadou as últimas transferencias. “Dende ese momento, o baleiro”, remarcou.
Silva tamén destacou que o Goberno socialista “está tratando ben a Galicia”, tal como demostra o feito de que nos seis anos de presidencia de Pedro Sánchez traspasáronse á comunidade case un 32 % máis recursos que durante os seis anos de gobernos de Rajoy.
A senadora socialista subliñou que o PSOE está de acordo con que Galicia teña novas competencias e con que se aprobe un novo Estatuto con máis capacidades, tal como propuxo o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro. Co que non se mostrou conforme é cunha iniciativa, a do BNG, “que vai en contra da propia autonomía de Galicia” e que ademais “branquea ao PP”, que dende o Goberno galego non tomou a iniciativa “como é a súa obriga”.