O secretario de Transición Enerxética e Planificación Industrial do PSdeG coincide coa conselleira en que as medidas cautelares do TSXG contra medio centenar de desenvolvementos aprobados polo Goberno galego “supoñen un freo á descarbonización” da comunidade e espera que finalmente poidan ter vía libre coma os que lle competen ao Executivo central
Ángel Mato pídelle a Ángeles Vázquez que concrete que medidas podería tomar o Goberno de España para suplir a falta de xestión da Xunta en canto a planificación de renovables e confía en que a solicitude dunha reunión urxente coa ministra Teresa Ribera obedeza a unha sincera intención de solicitar axuda e que non sexa “un simple intento de botar balóns fóra e tapar as propias vergoñas”
A complicada situación dos desenvolvementos eólicos en Galicia sumou hai varios días un novo motivo de inquedanza. No que se podería entender como un capítulo máis na estratexia da Xunta de buscar culpables en vez de arranxar os seus propios problemas, a conselleira de Medio Ambiente solicitou unha reunión coa ministra de Transición Ecolóxica para coñecer “as medidas que vai adoitar” o Goberno central respecto da paralización xudicial de medio centenar de parques cuxa autorización lle corresponde á Administración autonómica.
O secretario de Transición Enerxética do PSdeG, Ángel Mato, expresou hoxe a súa preocupación por se ese movemento puidese supoñer que a Xunta, en lugar de poñerse a traballar na busca de solucións, “baixe os brazos” e centre a partir de agora todos os seus esforzos en descargar responsabilidades en outras Administracións. Mato, que coincidiu con Ángeles Vázquez en que as suspensións dos desenvolvementos aprobados pola Xunta “supoñen un freo á descarbonización”, confiou, con todo, en que a solicitude da Consellería obedeza a unha sincera intención de pedir axuda ao Miteco e non constitúa “un simple intento de botar balóns fóra e tapar as propias vergoñas”, remarcou.
Ángel Mato recordou que, fronte ás paralizacións cautelares dos parques eólicos que lle corresponde aprobar á Xunta, decididas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), nos casos de actuacións que debe autorizar o Estado, coma o denominado Badulaque, a Xustiza (nese caso concreto, o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid) desestimou solicitudes de suspensión cautelar e continuaron a súa tramitación. “Son os que están tendo luz verde”, subliñou. Tamén lembrou que o parón que sufriu o sector coa chegada de Feijoo ao Goberno autonómico, hai 15 anos, iniciou unha xestión que cualificou de “desastrosa”.
“O que lle corresponde á Xunta a partir de agora é garantir a seguridade xurídica dos investidores, desenvolvendo unha planificación correcta que atenda aos criterios ambientales e de protección do entorno e que estea adaptada á directiva de renovables DER III”, explicou o secretario socialista de Transición Enerxética, que insistiu en que o Goberno galego debe sumar “traballo e dedicación suficiente para poder transformar o noso sector enerxético e, así, afianzar o desenvolvemento da industria na comunidade”. Segundo detallou, é unha cuestión “clave” para que Galicia recupere o seu pulo industrial, logo de perder máis de 40.000 empregos no sector durante os anos de goberno do Partido Popular, segundo os datos que manexa o Consello Económico e Social (CES).
“En lugar de remitir cartas sospeitosas ao Goberno central, o mellor que pode facer a Xunta, se quere que a Xustiza non paralice os seus parques eólicos mentres dá luz verde aos estatais, é poñerse a traballar”, concluíu Ángel Mato.