O secretario xeral do PSdeG denunciou en Santiago que “cada recorte que se fai na sanidade pública vai directamente o peto da privada”
Asegurou que a manifestación de hoxe na capital galega, na que participou na compaña de numerosos cargos socialistas, é “unha chamada de atención ao Goberno de Rueda”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, denunciou hoxe en Santiago que os recortes que acomete a Xunta de Galicia no eido da saúde “son unha opción política, non son un accidente, son unha decisión do PP para acabar coa sanidade pública” . Momentos antes de participar na manifestación convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública, o líder socialista, que asistiu na compaña de numerosos cargos do partido, criticou desde a alameda compostelá que “cada recorte que se fai na sanidade pública vai directamente ao peto da privada”.
O tamén portavoz do Grupo Socialista no Parlamento galego reivindicou que o PSdeG está defendendo o sistema público ao longo de toda Galicia, visitando os numerosos concellos onde existen graves problemas tanto na atención primaria como na hospitalaria, para defender “unha sanidade máis accesible” e esixir que se fortaleza con máis profesionais e recursos materiais. “Porque o recorte sistemático prexudica a todos os galegos e galegas, padéceo toda Galicia. En moitos lugares non existen centros sanitarios, non hai pediatras, e para chegar á atención da saúde mental hai que sufrir tempos de espera de máis de seis meses ”, afirmou.
Besteiro viu na multitudinaria protesta desta mañá na capital galega “unha chamada de atención ao Goberno de Rueda, para que aposte pola sanidade pública e poña fin ao seu desmantelamento”, e por iso remarcou que hai “unha forma distinta de facer política, a que aposta por protexernos a todos os galegos e galegas”.
O secretario xeral insistiu en que a sanidade pública é un dereito e que hai que reverter a dirección que está a marcar o PP, que conduce graves deficiencias, como citas que tardan semanas ou directamente non existen, centros de saúde pechados, persoal insuficiente, numerosos municipios sen pediatras, listas de espera maquilladas mentres os hospitais funcionan a medio gas, e profesionais ao límite, sen apoio e sen recoñecemento. “Da igual que falemos de Vigo, de Coruña, de Carballo, de Nadela, de Moaña, de Viveiro de Cambados…”, enumerou para subliñar que o problema é xeneralizado e afecta a todos os territorios da comunidade.
Besteiro lamentou que fronte á mobilización da cidadanía, Rueda e o seu equipo tratan de fuxir da súa responsabilidade, repartindo culpas cando a Xunta ten todas as competencias en materia sanitaria. Mentres, o Partido Socialista “aposta pola sanidade pública” cun modelo forte, accesible, de calidade e para todas e todos.