A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Concepción Burgo, reclamoulle hoxe á Xunta que garanta a protección do xacemento de petróglifos da Serra do Farelo –Antas de Ulla-, ameazados pola construción dunha granxa avícola moi achegada. No debate dunha pregunta oral en Comisión, preguntou pola catalogación e conseguinte protección dun túmulo que vén de aparecer no xacemento.
Burgo puxo en dúbida que existan “medios para protexer o patrimonio arqueolóxico galego en boas condicións”, logo de constatar que a primeira autorización para a obra foi concedida antes de ter realizado as catas e o control arqueolóxico. Sinalou que “antes de fixar o cambio de localización das naves xa se estaba facendo movemento de terras para colocar a nave”.
A responsable socialista explicou que as obras sitúanse a 75 metros do primeiro petróglifo, cando a Lei marca unha franxa de seguridade de 200 metros arredor do xacemento. Alerta da urxencia de protexer este patrimonio do achegamento da explotación e por canto “os probables accesos á obra invadirán aínda máis o perímetro de protección”.
Sinalou que “se trata dun dos conxuntos de petróglifos máis interesantes de Galicia”, datado entre os 3.500 e 2.000 a. C, e destacan “non só polo seu número, senón tamén pola densidade nun mesmo espazo” que alberga o petróglifo máis grande de Galicia. Sinala que “é obriga de todos protexer o noso patrimonio cultural, e máis aínda da Consellería de Cultura, que ten que poñer todos os medios para garantir esa protección”.