O viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, cualificou hoxe os Orzamentos da Xunta de “unha tomadura de pelo” á cidade de A Coruña e que “demostran un ano máis a súa ausencia de compromiso inversor coa cidade”. Se o ano pasado a única nova inversión era unha pasarela peonil de 2 millóns de euros, para 2021 inclúen un investimento para a remodelación do CHUAC “comprometida de moito antes e que non chegara a executarse”.
A “inversión estrela” de 20 millóns de euros para a ampliación e renovación do hospital, que Feijóo “cansouse de prometer en campaña”, en realidade son apenas o 5% por cento do coste total da obra do CHUAC e corresponden á última fase do Plan Director anunciado en 2001. Criticou que a Xunta anuncie a “primeira pedra” dun “proxecto estrela para o que aínda non está asinado o convenio entre a Xunta e o Concello”.
O responsable socialista explicou que “o proxecto contable publicado hoxe polo Goberno galego reflicte que o 86 por cento do gasto, máis de 370 millóns de euros, destinaranse a partir do ano 2024, e advertiu que “a este paso non se fai a obra nin no ano 2040”.
Sinalou ademais que o Programa Rexurbe “que tanto publicita a Xunta” recebe nestes orzamentos “o mesmo millón de euros que xa aparecía no anterior Orzamento, e que nunca chegou a executarse”. Mentres, “segue sen aportar as cantidades que lle reclama o Concello de A Coruña” para a Orquestra Sinfónica de Galicia”.
Algo semellante sucede coa estación intermodal, que nestes Orzamentos percibirá o 30 por cento do importe total dunha obra que “tiña que estar rematada xa, e que nin sequera comezou polos atrancos impostos pola Xunta durante a pasada Lexislatura”. Mentres, os 15 millóns de euros para a residencia comprometida en 2016 “chegan 4 anos tarde, no suposto de que chegaran a executarse”, subliñou.
Ademáis, declara Arangüena, hai que ter en conta que estes orzamentos, pola situación extraordinaria derivada da pandemia, son expansivos e medran para toda Galicia un 15%, o cal non se reflicte nun incremento do investimento na cidade.