Elena Espinosa lamenta que o PP non acepte ningunha das emendas do PSdeG ao Articulado nunhas contas con graves baleiros en vivenda, sanidade, dependencia, educación, lingua, cohesión territorial ou demografía e que mantivera conxelada a aportación aos concellos dende hai 16 anos
A portavoz de Orzamentos do Grupo Socialista, Elena Espinosa, advertiu hoxe que os Orzamentos da Xunta para o ano 2025 son “raquíticos” pola falla de ambición amosada polo goberno galego. Espinosa interveu na primeira sesión do debate en Comisión do ditame de Orzamentos, que corresponde ao Articulado, no que o PP no aceptou ningunha das 63 emendas presentadas polos socialistas galegos.
A responsable socialista advertiu que estes orzamentos “non son os que Galicia necesita” e resultan fracasados ao “non ver a realidade que vivimos e como consecuencia marcar as prioridades de Galicia”. Espinosa considerou escasas unhas contas que nun contexto de crecemento económico de todo o Estado, que o próximo ano vai liderar o crecemento económico en Europa, deixan o crecemento nas mans das aportacións externas de España e a UE.
Explicou que as contas presentadas hoxe polo goberno galego deixan “baleiros como a situación sanitaria -onde se vén de coñecer o incremento das listas de espera-, a Dependencia, a educación, a lingua, a cohesión territorial ou o problema demográfico” e constitúen en definitiva “unha nova oportunidade perdida para resolver os problemas dos galegos e das galegas”.
Eu convido e ti pagas
Criticou que o goberno galego mantivera durante 16 anos conxeladas as aportacións aos concellos nos 112,9 millóns de euros orzados en 2009 polo goberno de Pérez Touriño mentres continúan sobrecargando aos entes locais de obrigas que non lles corresponden. Acusou á Xunta de aplicar o “eu convido e ti pagas” para que os concellos resolvan as competencias que lle corresponden ao goberno galego, que non lles da a cambio os recursos necesarios.
Explicou que as aportacións do goberno galego tiñan que superar como mínimo os 150 millóns de euros só tendo en conta o incremento do IPC, e moito máis tendo en conta as novas obrigas trasladadas dende o goberno galego, que prefire repartir boa parte dos recursos aos concellos con criterios “absolutamente discrecionais”.