Begoña Rodríguez Rumbo reclama mobilizar 766 millóns de euros para acadar unha Galicia “máis verde, máis dixital, cohesionada, igualitaria e sen que ninguén quede atrás”
A portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, sinalou hoxe que os Orzamentos para o próximo ano constitúen unha “oportunidade histórica perdida” e que demostran a un goberno galego “de costas a quen máis o necesita”. A responsable socialista interveu no peche do debate en Comisión das contas da Xunta para o próximo ano, agora pendentes do debate final en Pleno.
Rodríguez Rumbo lamentou que a Xunta desaproveite os fondos procedentes do Estado e da UE para fixar unha “folla de ruta para a reconstrución económica e social de Galicia”, presentando un proxecto “carente de proxecto de país”. Unhas contas que fracasan, dixo, fronte ás consecuencias da pandemia e á situación provocada pola invasión rusa de Ucraína, que provocou o incremento do prezo da enerxía, alimentos e materias primas e reduciu as previsións de crecemento.
A responsable socialista reclamou a mobilización de 766 millóns de euros para artellar un proxecto de país “máis verde, máis dixital, máis cohesionado territorial e socialmente, máis igualitario e sen que ninguén quede atrás”. Chamou a reforzar o Estado do Benestar, apoiando a familias e traballadores e canalizando os fondos europeos para avanzar cara unha economía con maior valor engadido, máis dixital e baseada na transición enerxética.
Propuxo en concreto destinar 478 millóns de euros a complementar os recursos comunitarios e estatais no reforzo dos sectores produtivos, incluíndo un Plan de compensación o incremento dos custes de transporte e enerxía, un Plan de reforzo para as electrointensivas, axudas ao comercio e hostalería, actuacións cara á descarbonización e a transición xusta, e 236 millóns para I+D+i.
Tamén propón mobilizar 53 millóns de euros para repoñer a tarxeta básica para 55.000 persoas, triplicar o bono social eléctrico, poñer en marcha un Plan de loita contra a pobreza, un programa de bolsas de alimentación e o incremento do Servizo de Axuda ao Fogar.
En materia de Sanidade, as emendas do Grupo Socialista inclúen 322 millóns adicionais para a mellora asistencial en atención primaria, un programa de atención hospitalaria, o reforzo da investigación sanitaria e a construción e mellora dos centros de saúde en toda Galicia.
Finalmente, propoñen mobilizar 114 millóns de euros en materia de educación, que permitirían implantar a gratuidade dos libros de texto, así como as primeiras matrículas universitarias gratuítas, garantir bolsas dignas para o ensino universitario e de posgrao. Rodríguez Rumbo reclamou o reforzo do persoal auxiliar educativo e do profesorado de apoio a alumnos con necesidades especiais, o I+D+i e un Plan de estabilidade do persoal investigador.
Begoña Rodríguez Rumbo criticou a “indolencia” do proxecto de Orzamentos que presentou o goberno galego por canto lle retira a tarxeta básica ás familias “que máis o necesitan”, ao tempo que consolidan unha rebaixa fiscal do imposto do Patrimonio para os máis ricos. Sinalou que “lles regalan 4.500 euros a patrimonios de máis de 1 millóns de euros, renunciando a ingresar 34 millóns”, o mesmo que custa a tarxeta básica.