O portavoz de Economía e Facenda do Grupo Socialista, Juan Carlos Francisco, advertiu que os Orzamentos da Consellería de Economía, Empresa e Innovación “non valen para poñer as bases que permitan transformar o país”. Francisco interveu na comparecencia do conselleiro, hoxe en Comisión, para presentar as contas do seu departamento para o próximo ano.
O responsable socialista acusou ao conselleiro de deseñar unhas contas “sen rumbo e sen deseño real da política económica que demanda este país”, e que fracasan nun momento “excepcional” pola súa “escas ou nula ambición de ser un orzamento que transforme o tecido produtivo” cara un modelo “baseado na dixitalización e a innovación”. Apuntou que as contas do goberno galego “nin tan sequera van orientadas ao fortalecemento dos servizos públicos”.
Juan Carlos Francisco reclamou uns orzamentos que prioricen ás persoas, “especialmente aquelas que tiveron que pechar os seus negocios”, e que “deixen a propaganda e habiliten axudas de xeito inmediato”. Censurou a “estratexia da confusión” iniciada polo goberno galego que agocha os 108 supostos proxectos que anunciaron que optarían aos fondos de reactivación da UE, e que “deberan servir para dinamizar e transformar a economía do país”.
Pola contra, elaboran unhas contas con “rodillo puro e duro, sen vontade de diálogo” e que apenas reflicten o 1 por cento do Orzamento –Fondo Consenso- a atender aos plantexamentos da Comisión de Reactivación actualmente en marcha.
Explicou que estes orzamentos, cun incremento notable da capacidade de gasto da Xunta, “en nada dependen da capacidade de xestión de Feijóo”, que agocha baixo un mantra propagandístico que a suba de máis de 1.574 millóns de euros ben sobrevida polas axudas externas fronte á crise. Estas corresponden, explicou, a 685 millóns transferidos polo Estado, que asume o 1,1 do déficit, outros 430 millóns de euros do Fondo React-EU, e 685 máis pola flexibilización do déficit.
O parlamentario socialista advertiu do fracaso na xestión do Igape como principal instrumento de apio ao sector empresarial galego, que só puido dar unha “resposta moi tenue” á crise económica na que tan só mobilizou 130 millóns de euros, “moi lonxe dos 250 millóns anunciados polo conselleiro ao comezo da pandemia”.
Algo semellante sucede coa Axencia Galega de Innovación –Again-, que “incrementa o orzamento sen que iso se traduza nunha aposta pola dixitalización”, e cuestionou “o escaso impacto, escasa financiación e pouca profundidade” dos proxectos que dependen del. Lembrou a execución do 65 por cento da partida de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, e o programa de Investigación Universitaria derivou nun “sistema de ciencia, tecnoloxía e innovación debilitado”.
Sinalou que o goberno galego “so executou o 25 por cento dos fondos europeos previstos para I+D entre 2014 e 2018”, o que supón un investimento de só 21,9 millóns dun total de 89 previstos, o que provoca que o esforzo investigador e innovador “non se traduza en novos produtos ou en exportacións de alto valor engadido ou patentes”.