A parlamentaria socialista Leticia Gallego criticou hoxe o “incremento claramente insuficiente” nos Orzamentos da Consellería de Presidencia, Xustiza e turismo para 2022. A responsable socialista reivindicou un crecemento “máis aló do Xacobeo, cando a Xunta debera abordar o futuro do sector turístico con máis coraxe” acorde co seu carácter “estratéxico para as políticas públicas da Xunta ante esta crise económica”.
Reivindicou “máis orzamentos para o Turismo e máis execución orzamentaria nese ano de crise”, logo de constatar que “só executou no primeiro semestre do ano o 13 por cento na partida de coordinación e promoción do turismo”, na senda da Lexislatura pasada, cando “deixou sen executar 16 millóns da partida de Turismo”.
Advertiu de que “as políticas da Xunta de Galicia respecto á desescalada na hostalería e ocio nocturno foron incoherentes, froito da improvisación e que deixaron de lado a sectores enteiros como o das verbenas, atraccións de feiras, orquestras ou axencias de viaxes”. Reduciu a “meros parches” as axudas para estes sectores, que apenas contribuíron a afrontar a súa “situación económica crítica”.
Gallego sinalou que “a mellora das cifras do turismo en Galicia na temporada de verán tamén foi posible grazas ao esforzo de concellos, deputacións e do goberno da Xunta de Galicia”, por moito que o goberno galego “queira atribuírse por completo os esforzos dos demais”. Replicou ás acusacións do conselleiro lembrando que o Plan Nacional Turístico Xacobeo 21-22 supón 121 millóns de euros para a promoción en todo o Estado, 25 dos cales recaerán só en Galicia.
Concellos
A parlamentaria socialista sinalou que “cuns orzamentos expansivos, grazas ao goberno de España e da UE, deberan achegar ás entidades locais galegas financiamento para que poidan desenvolver en condicións de normalidade as súas competencias, así como aquelas impropias que lles foron impostas dende a Xunta sen incorporar financiamento adicional”. Reivindicou en resume “máis recursos para os concellos, que son os grandes esquecidos nestes orzamentos”.
A pesares de que están a ser a administración que peor o está a pasar na pandemia, o goberno galego mantén o Fondo de Cooperación Local conxelado mesmo por debaixo das partidas consignadas polo último Orzamento elaborado polo goberno presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño. O dito Fondo contaba con máis de 119 millóns de euros daquela, e para 2022 tan só contará con 112 millóns de euros, 5 menos a pesares dos 12 anos de distancia.
Os socialistas galegos reivindicaron ademais recursos adicionais para que o goberno galego “poña por fin á administración de Xustiza na senda da dixitalización e da adaptación da actividade xudicial ás novas tecnoloxías”. Sinalou que “é necesario incrementar as partidas destinadas a infraestruturas xudiciais” e implantar o servizo de quendas de 24 horas nos xulgados de Vigo e A Coruña.