A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, cualificou os Orzamentos da Consellería de Economía, Industria e Emprego por “insuficientes, continuístas e carentes dunha aposta real polo emprego e a industria”. Así o dixo na comparecencia do conselleiro en Comisión parlamentaria para presentar os orzamentos do seu departamento para o ano 2020.
Rodríguez Rumbo alertou da “falla absoluta dun modelo enerxético da Xunta de Galicia” para afrontar a crise industrial provocada pola descarbonización, que levou ás empresas a anunciar o peche anticipado das centrais de Meirama e As Pontes. A responsable socialista criticou a falla de planificación do goberno galego para afrontar a situación destas empresas logo de sinalar que “non me dirá que descoñecían que estamos a falar das dúas centrais máis contaminantes”.
Explicou que o goberno galego aínda non publicou as directrices enerxéticas de Galicia que foron presentadas en abril de 2018, e preguntou “onde están os 12.000 empregos que anunciaron a consecuencia do seu plan para a Transición Intelixente para o Novo Modelo Sustentable”. Acusou á Xunta de “preocuparse de sacar fotos cando hai boas noticias, pero cando as cousas saen mal en lugar de buscar solucións buscan culpables e desculpas infantís para problemas adultos”.
Preguntou “por que se dedican a atacar ao goberno central en lugar de negociar con Naturgy o cumprimento do compromiso de investir 100 millóns de euros en Meirama. Criticou ademais a virulencia amosada polo goberno galego que “sen embargo calaba cando Rajoy anulaba en 2012 72 millóns de euros para a recuperación das comarcas de Cerceda e As Pontes”, e evitaba incluír aos concellos galegos nas axudas para apoiar ás localidades mineiras en 2014.
A parlamentaria socialista sinalou ao desleixo da Consellería en base aos “catastróficos” datos de execución orzamentaria, que de acordo coa Memoria presentada en setembro, nos tres primeiros trimestres apenas executaron o 70 por cento dos orzamentos previstos. Explicou que tan só figuran 219 millóns de obrigas recoñecidas cando o crédito inicial estaba cifrado en 547 millóns de euros, pero foi incrementado a 729 ao longo do exercicio.
Rodríguez Rumbo sinalou aos baixos niveis de execución na partida destinada ao desenvolvemento empresarial, apoio á modernización e internacionalización de empresas, na que deixaron sen gastar 129 millóns entre 2016 e 2018. Tamén deixou sen executar 88 millóns de euros para Industria, Enerxía e Minaría no que vai Lexislatura, e outros 96,3 millóns do Plan Galego de I+D+i.
Emprego
A responsable socialista apuntou ademais ao fracaso das políticas activas de emprego da Xunta por canto hoxe hai 50.500 persoas ocupadas menos que en 2009, 4.400 delas no sector da industria, que “non da recuperado o nivel de ocupación de antes da crise”. O número de parados entre o terceiro trimestre de 2009 e 2019, explicou, baixou á metade que no conxunto do Estado, un 10,92 por cento fronte ao 22,01 por cento-.
Explicou que como consecuencia do desleixo do goberno galego Galicia rexistrou ademais o segundo peor Índice de Produción Industrial do Estado, perdendo un 6,2 por cento mentres no Estado aumentou un 0,4 por cento.