O parlamentario socialista Luis Álvarez saudou hoxe a proposta da Deputación de Lugo de negociar a integración das residencias provinciais na rede autonómica de centros. Álvarez interveu na comparecencia do presidente do ente provincial, o socialista, José Tomé, no Parlamento, onde anunciou uns orzamentos “deseñados para favorecer á cohesión social, o equilibro territorial e o impulso do emprego”.
O responsable socialista advertiu que a Deputación ten que facer fronte á demanda de residencias de maiores, que non é a súa competencia, polo “abandono sistemático da Xunta” da súa obriga de dotar destes servizos a unha provincia cada vez menos poboada e máis envellecida. Explicou que estes servizos son fundamentais para unha provincia na que as persoas maiores de 65 anos aumentarán un 9,12 por cento en 2033.
Sinalou ademais que as residencias de maiores, xunto co servizo de teleasistencia e axuda no fogar supoñen 300 postos de traballo directos na provincia, a “proba indiscutible de que a prestación de servizos públicos con calidade xera emprego e riqueza”.
Luis Álvarez salientou que, ao contrario do goberno galego, o goberno da Deputación ofrece “cooperación e asistencia a tódolos concellos independentemente da súa cor política” e “calquera alcalde sabe o que lle corresponde do Plan Único non como sucede por exemplo con Augas de Galicia, que investirá 28,4 millóns sen que coñezamos con que criterios”.
Suplusa
O parlamentario socialista cualificou de “acerto necesario e absoluto” a supresión de Suplusa, a sociedade urbanística provincial convertida nun “ariete para bloquear e golpear a normalidade da institución” provocando unha “gravísima distorsión no funcionamento ordinario do organismo”. Sinalou que a nova etapa da Deputación teña “recuperado a tranquilidade e a normalidade institucional”.
Neste sentido apuntou que o 62 por cento dos acordos tomados na Deputación provincial teñan obtido unanimidade de tódolos grupos, o que demostra “non só capacidade de estabilizar á institución, senón capacidade política de negociar con acordo e consenso”. Isto reverte nun “mellor servizo” para toda a provincia e “nega a maior do argumento da maioría absoluta do PP de que só eles saben xestionar e negociar”.