O portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Luis Álvarez, acusou hoxe á conselleira de Infraestruturas de converter a súa comparecencia en Comisión para presentar os Orzamentos para 2020 nun “mitin do PP contra o goberno central”. En opinión do parlamentario socialista, o único obxectivo era agochar que esta “Consellería minguante” é a que menos medra nos orzamentos do próximo ano.
Álvarez apuntou que o escaso incremento do departamento de Infraestruturas responde ao Plan de Transporte Público de Galicia, mentres reducen 17 millóns da Dirección Xeral de Mobilidade, desaparece o plan de desenvolvemento do sistema de xestión de transporte e prevén construír 3 quilómetros máis de estrada que en 2019. Todo isto, sinalou, logo de ter paralizado o Plan Move e construír apenas 2 quilómetros ao ano dende 2009.
Tamén é “de nota”, dixo, a xestión de Augas de Galicia, que deixou sen executar 111 millóns de euros entre 2016 e 2018 e despois de repartir as axudas “como dádivas potestativas” entre os concellos do PP, “e a pesares diso din que Galicia vai polo camiño verde”, remachou.
AVE
O responsable socialista criticou que para agochar esta situación teñan armado unha campaña para criticar os retrasos de posta en funcionamento do AVE que derivan da paralización do goberno de Rajoy, que entre 2015 e 2017 só executaba a metade dos orzamentos. Daquela, dixo, “facían o de sempre: poñer unha cantidade que satisfaga ao PPdeG para que poida facer bandeira dos orzamentos e despois executar con sorte o 55 por cento”.
Criticou que mentres daquela aplaudían ao goberno central “resulta que agora o AVE depende de que o goberno de Pedro Sánchez ten que resolver en ano e medio tódolos atrasos acumulados na infraestrutura nos anos de goberno do PP”. Como exemplo de compromisos incumpridos, lembrou que o presidente da Xunta asumiu en 2009 como compromiso a construción do AVE entre Lugo e Ourense con fondos propios, e desafiou á conselleira a presentar o proxecto desa intervención.