O viceportavoz do Grupo Socialista acusa ao presidente da Xunta de estar “avergoñado da súa cultura e identidade” e de levar toda a súa carreira política “detrás da pancarta de Galicia bilingüe”
O vicevoceiro do Grupo Socialista, Julio Torrado, destacou este luns que sexa o deputado galego José Ramón Gómez Besteiro quen abra a lexislatura no Congreso coa defensa do uso da lingua galega na Cámara, fronte a un presidente da Xunta “avergoñado da súa cultura e identidade”. Por elo, entende que “esta semana Besteiro vai a representar mellor a Galicia que Rueda”.
Nunha rolda de prensa ofrecida no Parlamento, o representante do PSdeG fixo balance dos actos realizados este domingo en Galicia. Por unha banda, os socialistas galegos reuniron a máis de 2.500 militantes na tradicional festa do partido para iniciar o curso político, contando coa participación do presidente do goberno en funcións e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez. En resposta, os populares organizaron un mitin en Santiago de Compostela no que participaron o seu presidente Alberto Núñez Feijóo e o presidente da Xunta e o PPdeG, Alfonso Rueda.
Julio Torrado quixo “transmitir a nosa ilusión pola celebración dun acto que centrou o foco da política española en Galicia”. Asegurou que están “moi satisfeitos polo impacto e a influencia do PSdeG no conxunto da política do Estado, pero particularmente dentro do PSOE”.
Para o vicevoceiro socialista, “a representación máis viva” do peso acadado polos socialistas galegos dentro do seu partido é que o inicio da lexislatura no Congreso dos Deputados sexa con Gómez Besteiro defendendo o uso do galego e o resto das linguas cooficiais nas Cortes Xerais. O que para eles significa “o recoñecemento de Galicia como un gran expoñente desa España máis nova, plural, de avance e de identidades comúns que conviven que é unha realidade que amosaron as urnas”.
Considera de especial importancia contrapoñer esta fotografía á dun PP “cun Rueda que parece avergoñado de ser presidente dunha Galicia que di presidir, aínda que ninguén é consciente de se a está a presidir de verdade”, xa que considera que está pendente do que lle digan “dende Génova 13” dentro da “operación de salvamento de Feijóo”.
Torrado ve como algo “evidente” que Gómez Besteiro “vai a representar esta semana mellor a Galicia que un Alfonso Rueda”, a quen só ve “coherente nunha cousa”, xa que comezou a súa carreira política detrás da pancarta de Galicia Bilingüe, manifestándose contra o uso da lingua galega, e segue detrás desa pancarta. “Cremos que este Rueda avergoñado da súa identidade e da cultura do seu país, que votou contra o uso das linguas cooficiais a semana pasada, non ten a capacidade de identificarse nesta realidade”, apuntou o socialista.
Ademais, o viceportavoz do Grupo Socialista considera que os esforzos de Rueda por salvar a Feijóo son inútiles. “Todos somos conscientes de que cando Ayuso ou Aznar falan de eleccións anticipadas, non é con Feijóo como candidato”, apuntou. Ademais, reclamou que rebaixen a crispación das súas declaracións, porque entende que se o expresidente do PP puidera apoiarse nas formacións nacionalistas para ser investido “falaría catalán na intimidade e ata bailaría a sardana”.
DEBATE DO ESTADO DA AUTONOMÍA
O representante socialista tamén adiantou algunhas posicións respecto do Debate sobre o Estado da Autonomía que terá lugar no vindeiro mes de outubro. Julio Torrado apuntou a tres “conviccións” nas que se basearán para defender os seus postulados. A primeira das mesmas é “facerlle ver a Rueda que é presidente de Galicia, que aínda non se enterou”, xa que considera que “transmite a sensación que é o presidente, pero que non lle gusta”.
A segunda das mesmas será “poñer o foco no concreto do día a día”, en especial no relativo aos servizos públicos, destacando a educación e a sanidade públicas que ven castigadas pola xestión da Xunta. A última das “conviccións” dos socialistas é a de achegar ao PP a posición de consenso en temas concretos, intentando convencelos de rematar coa confrontación para que apoien asuntos como a xa aprobada Lei de Pesca, as rebaixas nas peaxes da AP-9 ou o propio emprego das linguas cooficiais no Congreso, entre outros.