O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, anunciou hoxe unha oposición “contundente e construtiva” ao mesmo tempo, de “man tendida ao conxunto da sociedade galega” que quedou orfa logo do xiro do PP cara á proposta de estrema dereita de Vox e das dificultades que atravesan outras opcións progresistas. O líder dos socialistas galegos participou na primeira xuntanza do Grupo Socialista no novo período de sesións.
O responsable socialista avogou por unha “gran alianza coa sociedade galega” para artellar un proxecto construtivo encabezado polo PSdeG na defensa dos servizos públicos, presentando como aval o “traballo a reo” dos socialistas galegos dende tódalas institucións representativas. Caballero mantivo hoxe un encontro co Grupo Socialista para coordinar liñas de acción e avivar a colaboración e o traballo conxunto entre a dirección política e o traballo parlamentario.
Presentou a súa opción fronte á “incoherencia e o cinismo político de Feijóo e o PP, que din cousas diferentes segundo estean en Galicia ou no Estado”. Alertou así que o presidente da Xunta teña “aplaudido” o pacto con Vox en Andalucía, “abandonando ao centro moderado” e demostra que “Feijóo di unha cousa cando fala no Parlamento de Galicia e outra distinta cando ten que xustificar a Casado”.
Gonzalo Caballero sinalou hoxe ao presidente da Xunta como “axente político privatizador” da sanidade pública e chamou a continuar coas mobilizacións fronte aos recortes impostos polo PP nos servizos públicos. Por este motivo, apostou por “pechar o ciclo político” de Feijóo en Galicia, aludindo ao encontro que mantivo hoxe cos presidentes de Asturias e Castela e León, os dous en proceso de “fin de ciclo” e preparando os seus respectivos relevos.
En resposta ás preguntas dos medios de comunicación sobre o trámite de Orzamentos, o secretario xeral do PSdeG considerou “razoable” que os representantes progresistas “traballen para melloras de investimento no territorio”, pero advertiu que o primeiro trámite pasa por superar as emendas á totalidade dos orzamentos, polo que reclamou “corresponsabilidade” no seu apoio.
Transferencias
O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, apuntou que o traballo dos socialistas no período de sesións centrarase na defensa dos servizos públicos, sinaladamente a sanidade e o ensino, e no impulso das políticas do goberno galego para acadar emprego “en cantidade e calidade”.
Ademais, apuntou ao impulso do autogoberno de Galicia en forma de transferencias de competencias pendentes logo da “hipocresía” demostrada por Feijóo durante a semana pasada, cando impulsou unha petición “xenérica” para convocar a Comisión Mixta de Transferencias, para a que non necesita apoio parlamentario. Ao mesmo tempo, dixo, rexeitou outra para acadar Tráfico, para a que si é preciso o apoio parlamentario.
Os socialistas galegos veñen de presentar unha proposición de Lei para acadar esta transferencia como primeiro paso de cara a recuperar a axenda de transferencias que iniciou o presidente socialista Emilio Pérez Touriño en 2006 cunha folla de ruta que incluía ata 70 materias pendentes e que foi conxelada dende a chegada de Feijóo ao goberno galego.
Dixo que o presidente da Xunta terá a oportunidade desta forma de clarificar se segue as directrices do PP e o seu xiro centralista motivado pola nova dirección de Pablo Casado e o seu acordo con Vox.