O Senado vén de aprobar hoxe, por 25 votos a favor e 2 abstencións, unha moción presentada polo coordinador dos socialistas galegos en Congreso e Senado, Xoaquín Fernández Leiceaga, que pon “a primeira pedra” para desenvolver o ferrocarril de Cercanías no Eixo Atlántico. Leiceaga presentou esta proposta cunha intervención na que defendeu incorporar o territorio galego no desenvolvemento do proxecto “Cercanías 25” do goberno de España.
Fernández Leiceaga levou a iniciativa á Comisión de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana do Senado, onde propuxo tratar as liñas rexionais de media distancia “como transporte de proximidade”, pola súa utilidade fronte á alta demanda de mobilidade entre os núcleos urbanos do Eixo Atlántico.
A iniciativa aprobada hoxe reclama “impulsar o transporte ferroviario de proximidade dende un enfoque global, integrador, inclusivo e orientado a mellorar a experiencia de viaxe ao usuario”. Propón ademais desenvolver esta tipo de liñas en Galicia “previa avaliación dos beneficios económicos, sociais e medioambientais”
Fernández Leiceaga apunta que o noroeste español constitúe un “baleiro manifesto” nos servizos de Cercanías do territorio español, desenvoltos en 11 núcleos correspondentes a oito comunidades autónomas dependentes do Estado central, ademais da rede catalá, os ferrocarrís vascos e outras redes menores.
Estes servizos precisan de aglomeracións urbanas que demanden mobilidade alta ou cidades próximas con fortes interrelacións e cunha infraestrutura ferroviaria desenvolta, o que si existe en Galicia. Explica que o Eixo Atlántico constitúe unha “aglomeración urbana virtual próxima aos dous millóns de habitantes dende a comarca de Ferrol ata a fronteira portuguesa”.
Fernández Leiceaga sinala que, malia que o territorio pode definirse como urbano “so de maneira aproximativa”, en realidade funciona “como un conxunto integrado e policéntrico”. Son 16 comarcas que constitúen unha cuarta parte da superficie de Galicia pero que “aglutinan dous terzos dos habitantes e xeran unha proporción aínda maior da súa riqueza”.