O voceiro de Industria recorda que o goberno galego ten as competencias neste eido
Santiago, 21 de agosto de 2020. O voceiro de Industria do Grupo Socialista no Parlamento, Martín Seco, valorou hoxe “os avances” no proceso de venda de Alcoa San Cibrao a Liberty House e chamou á Xunta a “involucrarse” para garantir o emprego na bisbarra logo de que o Ministerio de Industria atopase un inversor interesado na planta da Mariña.
Así o dixo despois de que na última xuntanza da mesa multilateral se acordasen as fases nas que se levará a cabo o proceso de venda da planta, que concluirá nunhas seis semanas.
“O mantemento do emprego e da actividade industrial é prioritario”, destacou o deputado do PSdeG, quen puxo en valor a implicación do goberno de España “dende o minuto cero” para traballar nesa liña e reclamou o mesmo compromiso por parte dunha Xunta que estivo “de perfil” neste proceso.
“O goberno galego non pode obviar que ten as competencias en materia industrial”, recordou Martín Seco.