O Goberno vén de engadir 1.200 millóns de euros aos 2.300 aprobados no 2021 para compensar as consecuencias da ampliación da concesión que aprobou Aznar
A deputada do PSdeG Patricia Otero defendeu no Congreso uns descontos que van chegar ata o 75 % da peaxe para os usuarios e usuarias recorrentes
Unha veciña ou un veciño da comarca de Ferrol que se desprace todos os días ata A Coruña pasará a pagar ao mes só 56 euros dos case 200 que lle corresponderían
Os trens de alta velocidade incrementarán a súa oferta en Galicia en 2.500 servizos semanais, grazas á entrada en servizo dunha nova unidade do Avril
A confirmación da inminente posta en marcha de novos descontos na AP-9 foi saudada hoxe polos socialistas galegos coma un avance cara a gratuidade da autoestrada, que no caso dos usuarios recorrentes pasará a estar bonificada nun 75 %. Durante a súa intervención no Congreso esta tarde, con motivo da comparecencia do ministro de Transportes, a deputada Patricia Otero cualificou de “históricas” as bonificacións que avanzou Óscar Puente.
Os descontos incrementaranse ata o 75 % do prezo das peaxes para os usuarios e usuarias recorrentes. Como exemplo, unha persoa que se desprace entre a comarca de Ferrol e a cidade da Coruña a diario para acudir ao seu posto de traballo, pasará de aboar os 89,6 euros ao mes actuais a unicamente 56 euros. Sen descontos, o importe da portaxe sería de 196 euros.
Para chegar a esas reducións, o Goberno vén de engadir 1.200 millóns de euros aos 2.300 aprobados no 2021 para cubrir as bonificacións ata a fin da concesión da autoestrada. Significa aumentar de 55 a 82 millóns de euros anuais os fondos. “Nunca ningún goberno puxo enriba da mesa tantos recursos”, destacou Otero, pero lembrou que a primeira partida se habilitou a través dus Orzamentos Xerais do Estado para os que os socialistas non contaron “nin co apoio do BNG nin co do PP”.
Nesta ocasión, o mecanismo que elixiu o ministerio foi a tramitación de urxencia, co fin de reducir os prazos establecidos no procedemento ordinario. Esta vía non ten que pasar polo Consello de Ministros. Segundo avanzou o ministro, iso permitirá axilizar a implantación dos descontos, abrindo a posibilidade de que incluso se adianten a finais deste mesmo ano.
“A Rueda e a Feijoo pedímoslles que apliquen o mesmo en Galicia”, dixo a parlamentaria socialista sobre a situación das autoestradas da Coruña a Carballo e de Vigo a Baiona, ambas titularidade da Xunta e que apenas contan con descontos para recorrentes.
Patricia Otero denunciou a “hipocrisía” do PP: “Só catro anos despois de que Aznar privatizara Audasa, co silencio cómplice de Feijoo, este solicitou a transferencia, cando estaba na oposición”, pero cando chegou á Xunta, “esqueceuno”. Ademais, durante os gobernos do PP en Madrid produciuse un “bloqueo á transferencia”, que rematou en canto accedeu ao goberno o Partido Socialista. “A Feijoo entroulle outra vez a présa a partir de xuño do 2018”, lembrou. E iso despois dun balance dos anos de Feijoo á fronte da Xunta que se traduce en “cero transferencias”.
Otero recordou, ao igual que o ministro, que foi o Goberno de Aznar o que aprobou a prórroga da concesión da AP-9 para despois vendela, no medio dunha “febre privatizadora” que en Galicia tamén lles afectou a empresas como Inespal e que sufriu a comarca da Mariña. “Un problema que creou o PP, agora teno que resolver o PSOE”, afirmou.
A Xunta rescata autovías que non se pagan e mantén as peaxes nas súas autoestradas
O anuncio das novas bonificacións na AP-9 concretouse a mesma semana na que a Xunta vén de avanzar un pago de practicamente 300 millóns de euros ás concesionarias das catro autovías de titularidade autonómica que manteñen peaxes en sombra, tal como se denominan as portaxes que paga directamente a Administración, e non o usuario, que circula pola vía sen aboar ningún importe. Esas infraestruturas son a AG-56 (Santiago-Brión), a AG-11 (autovía do Barbanza), a AG-47 (autovía do Salnés) e a AG-31 (autovía Ourense-Celanova).
“Cando no 2014 as concesionarias pediron axuda, Feijoo acudiu ao rescate das empresas e non dos galegos e das galegas. Saíu en auxilio das concesionarias accedendo a un reequilibrio que non estaba permitido nos pregos”, explicou a parlamentaria galega, que recordou que ese trámite se “colou” na lei de acompañamento dos Orzamentos.
Mentres, as dúas autoestradas da Xunta nas que condutoras e condutores si deben pagar a peaxe (a AG-55, entre A Coruña e Carballo, e a AG57, entre Vigo e Baiona) apenas ofrecen bonificacións. Así, o Goberno galego optou por pagarlles ás concesionarias en lugar de incrementar os descontos, de modo que, tal como denunciou o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, Rueda distingue entre “galegos de primeira e galegos de segunda”.
54.000 billetes de AVE e Alvia a partir de novembro
O Ministerio de Transportes tamén avanzou hoxe que a suma de servizos ferroviarios AVE e Alvia en Galicia se incrementará, a partir de novembro, ata os 54.000 á semana. Será grazas á entrada en funcionamento dunha nova unidade de tren Talgo Avril (AVE serie 106), capaz de circular a máis de 300 quilómetros por hora tanto nas vías de ancho ibérico como nas de ancho internacional. Este tren sumará 2.500 servizos semanais.