Unha delegación do Grupo Parlamentario Socialista reúnese coa directiva de REDE para escoitar a súa “preocupación” ante o “desleixo” da Xunta á hora de tomar medidas nos centros de maiores
Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2020. O voceiro parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, á fronte dunha delegación de deputados socialistas, mantivo hoxe unha xuntanza con REDE, a asociación que integra a familiares de usuarios das residencias de maiores, e trasladoulle “todo o apoio” ás súas demandas.
En concreto, os familiares requiriron que a Xunta “mellore os rateos de persoal” nas residencias, a fin de “humanizar” o trato que se lle dá aos nosos maiores e de que sexan atendidos “axeitadamente” nestes centros.
Así mesmo, o Grupo Parlamentario Socialista apoiou a súa demanda de que a administración autonómica desenvolva uns protocolos que permitan as visitas dos familiares ás residencias en condicións de seguridade.
Pola súa banda, o presidente de REDE, Paulino Campos, amosou a súa “preocupación” ante o “desleixo” da Xunta á hora de cumprir coas súas competencias nas residencias de maiores, posto que constataron “unha falta de avance” ao longo destes meses.
Ademais, un día despois de que o propio Gonzalo Caballero anunciara a petición dunha comisión de investigación sobre o acontecido nos centros de maiores de Galicia durante a primeira vaga da covid, hoxe transmitiulle aos membros de REDE que manterá esa liña de traballo, acorde co comprometido durante a campaña electoral.
XUNTANZA
Na xuntanza participaron, xunto con Gonzalo Caballero, os deputados socialistas Pablo Arangüena, Marina Ortega e Isaura Abelairas, ademais de varios membros da directiva de REDE entre os que se atopan familiares de vítimas mortais por covid nas residencias.