O eurodeputado Nicolás González Casares critica que o goberno de Rueda constitúa unha sociedade privada “con tantos fondos públicos e tan pouco amparo legal”
Pon en valor a proposta de Besteiro de que sexa unha sociedade 100% pública a encargada de xestionar as enerxías renovables de Galicia coa finalidade de xerar beneficios para todos
O eurodeputado socialista Nicolás González Casares reprochoulle hoxe ao goberno galego do PP que deixe en mans dunha sociedade completamente privada a xestión dos recursos naturais galegos, e acusa a Rueda de entrar “nunha espiral de mentiras e ocultacións” on unha cuestión capital para o futuro enerxético e industrial de Galicia.
González Casares defendeu que os recursos da nosa terra sexan aproveitados en favor do desenvolvemento industrial do noso país, para crear emprego e dinamizar sectores que foron apagados pola nula acción da Xunta nestes últimos anos. É destacou que “a auga, o sol e o vento do noso país é de todos os galegos e galegas”, polo que a súa xestión non pode quedar en mans do capital privado.
O eurodeputado socialista puxo en valor as medidas socialistas que pretenden manter os abundantes recursos galegos, así coma facelos máis atractivos e avanzar no desenvolvemento e xestión dos nosos recursos para que se poñan ao servicio do noso país e non “ao servicio duns poucos”. Critica que Rueda privatice o futuro de Galicia para a creación dun “novo chiringuito” deixando en mans privadas os recursos de todos.
Ademais, Casares destacou que o candidato á Xunta José Ramón Gómez Besteiro defende que a solución para a xestión dos bens naturais de Galicia sexan administrados por unha empresa pública galega con colaboración de empresas privadas do país ou cos inversores que queiran vir a Galicia. “O mando desta xestión ten que ser do goberno galego que estará na man de Besteiro nos vindeiros meses”, concluíu.