Formoso subliñou que as xeracións actuais teñen “a obriga de manter o seu recordo vivo, non polo pasado, senón polo futuro da nosa sociedade”
O secretario xeral dos socialistas salientou que hoxe o alcalde Suárez sería un home feliz de ver como a sociedade lle gañou ás enquisas e aos poderosos “que querían usurpar a nosa capacidade soberana de decidir o que queremos ser”
O PSdeG-PSOE de Ourense celebrou na tardiña deste xoves, aos pés da escalinata da igrexa Santa María Nai, un emotivo acto en memoria do primeiro alcalde socialista da cidade, Manuel Suárez, que foi fusilado na madrugada do 27 de xullo de 1937 polo bando franquista “por ser un home decente”, como sinalou el mesmo na carta de despedida dirixida á súa familia.
No acto interviu o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, quen fixo un alegato a prol da memoria dos represaliados “por defender a democracia”. Subliñou que as xeracións actuais teñen “a obriga de manter o seu recordo vivo, non polo pasado, senón polo futuro da nosa sociedade”.
Formoso non pasou por alto o difícil e duro que resulta homenaxear a compañeiros que foron fusilados por outros compatriotas por defender as súas ideas e por creer na democracia. Pero mostrouse convencido de que Manuel Suárez, hoxe, “sería un home feliz”.
Feliz porque —engadiu Formoso— vería como a sociedade española foi capaz de gañarlle a partida ás enquisas e a todos os poderosos que querían “usurpar a nosa capacidade soberana de decidir o que queremos ser”. Porque este país dixo “non”, que non se vai dar cabida “ao retroceso nin a aqueles que simplemente asumen unha concepción da sociedade e non respectan outras posibilidades”.
Na homenaxe interviron Xosé Lois Carrión, secretario de Memoria Histórica do PSdeG-PSOE de Ourense; Alba Iglesias, secretaria xeral das Xuventudes Socialistas de Ourense; Cristóbal Medeiros, secretario comarcal da UGT Ourense; Natalia González, secretaria xeral do PSdeG-PSOE de Ourense; e Rafael Rodríguez Villarino, secretario provincial do partido. Tamén contou coa presenza de dous netos de Suárez Castro, que recibiron como agasallo a última carta do alcalde tallada en madeira, e dúas bisnetas conectadas de maneira telemática.
A deputada electa Marga Martín foi a encargada de ler o contido da carta escrita por Suárez horas antes de ser asasinado. “Dille aos meus fillos, sempre e en todo momento, que seu pai perdeu a vida dunha maneira violenta, non por ser ladrón nin asasino, nin un mal ciudadán. E que, polo contrario, perdeu a vida por ser unha persoa decente, amante de tódolos seus ciudadáns, sen fixarse nunca nos ideais que tiñan nin na súa condición social”.
E continuaba a misiva: “Porque na España que queren crear non teñen cabida as persoas de bos sentimentos, amantes da familia e que xamais, de feito nin polo pensamento, pretendeu facer desaparecer a ningún ser humano”.
Xunto a Manuel Suárez, no acto tamén se recordou que perdeu a vida aquela madrugada de 1937 outro socialista: Antonio Taboada Nóvoa, que era secretario xeral das Xuventudes Socialistas da provincia e contaba con tan só 29 anos. Así mesmo, foron fusilados, no Campo de Aragón, Higinio López Barrio (de 39 anos e alguacil de Facenda) e Eduardo París Villar (de 27 anos e abogado).
A Corporación municipal de Ourense acordou, en maio de 2018, chamar ao espazo no que foron asasinados como Praza da II República. “Mais a día de hoxe aínda non se materializou tal acordo”, incidíu Xosé Lois Carrión, do mesmo xeito que Natalia González denunciou que tamén segue pendente o nome da rúa que se decidiu desicar ao alcalde.
A lembranza rematou cun minuto de silencio por tódalas vítimas do franquismo e con militantes, familiares e simpatizantes entoando A Internacional.