A deputada Elena Espinosa e o secretario xeral de Xuventudes Socialistas de Galicia, Xurxo Doval, presentaron unha campaña a través da que tamén se demandan plans de formación e adaptación destinados á hostalería
Espinosa: “Para un mileurista, o custo dos alimentos sen glute supón unha porcentaxe altísima da súa renda”
Doval: “Cinco euros poden ser cinco barras de pan ou unha soa sen glute; cinco euros poden ser cinco quilos de pasta ou só un quilo de pasta sen glute”
O gasto adicional dunha dieta sen glute calcúlase en máis de 1.000 euros ao ano, xa que alimentos coma o pan e a pasta poden incrementar o seu prezo entre un 450 e un 750 %
Segundo as principais estimacións, a enfermidade afecta a arredor de 27.000 galegas e galegos e o número de diagnósticos increméntase a un ritmo dun 30 % anual
A deputada Elena Espinosa e o secretario xeral de Xuventudes Socialistas de Galicia, Xurxo Doval, presentaron esta mañá no campus universitario de Santiago unha campaña a través da que o PSdeG e XSG lle reclaman á Xunta de Galicia medidas de apoio ás persoas celíacas. Coincidindo coa próxima celebración do Día Internacional da Celiaquía, o vindeiro 5 de maio, o Grupo Socialista no Parlamento de Galicia vén de rexistrar unha proposición non de lei na que se propón a creación dunha liña de axudas a quen padece a enfermidade, e que se concederían de acordo con criterios de renda, co fin de paliar os sobrecustos dos alimentos nos fogares con menos recursos.
Espinosa e Doval distribuíron nas inmediacións da Biblioteca Concepción Arenal dípticos con información sobre as grandes diferenzas de prezo que existen entre os alimentos con glute e as súas versións para celíacos, con exemplos coma o do pan (ata un 450 % máis caro) ou o da pasta, que incluso pode chegar a un 750 % máis. Iso implica un sobrecuste en alimentación superior aos 1.000 euros anuais por persoa, “e a Xunta de Galicia debe axudar economicamente para compensar en certa medida esa dificultade que supón para chegar de mes”, reivindicou a deputada.
“Cinco euros poden ser cinco barras de pan ou unha soa barra sen glute; cinco euros poden ser cinco quilos de pasta ou un só quilo de pasta sen glute”, explicou Doval mentres mostraba os impresos que se distribuíron esta mañá no campus, coa imaxe dun billete de cinco euros nunha das caras e os importes de diferentes produtos na outra.
Os elevados prezos causan “moitas dificultades” especialmente ás familias con menos ingresos, “porque unha alimentación especial, sen glute, encarece moitísimo a cesta da compra”, subliñou Espinosa, que puxo o exemplo dun mileurista: “Mil euros suponlle unha porcentaxe altísima da súa renda”.
Nese senso, Xurxo Doval apuntou que “un de cada tres galegos e galegas cobran o salario mínimo ou menos”. Trátase dunha “situación precaria” na que se atopa especialmente a xente nova, “cando estuda ou está ao comezo da súa vida profesional”, e enfrontar un gasto de 100 euros a maiores ao mes “complica moito a cesta da compra”.
Segundo explicaron Espinosa e Doval, estímase que a doenza pode afectar a arredor de 27.000 galegos e galegas, de acordo cos datos da Asociación de Celíacos de Galicia (Acega), que apunta a unha prevalencia do 1 % da poboación. A Sociedade Española de Patoloxía Dixestiva asegura, pola súa banda, que as diagnoses aumentan a un ritmo dun 30 % anual, aínda que a proporción de enfermos e enfermas sen diagnosticar se situaría entre un 75 e un 80 %.
Ademais da “fenda económica” que provoca este mal, “existe tamén unha fenda social”, tal como recolle a iniciativa do Grupo Socialista, que recolle que non só é necesario “facer máis accesibles para as familias os produtos sen glute”, senón que tamén o é “evitar discriminacións”. Nese senso, o documento inclúe tamén a demanda de que a Xunta de Galicia estableza plans “de formación, concienciación e adaptación da hostalería”, para que os profesionais do sector coñezan as necesidades específicas das persoas celíacas. “Se vai todo tan ben como di a Xunta, por que non é capaz de prestar axuda ás persoas celíacas?”, preguntouse Doval.