Gonzalo Caballero reclama ao PP que “asuma a súa responsabilidade como grupo maioritario da Cámara” e apoie a comisión que piden “as familias das vítimas” que permita saber que ocorreu e deseñar “un cambio de modelo”
Santiago, 25 de agosto de 2020. O portavoz parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, e a responsable de Política Social, Marina Ortega, compareceron hoxe ante os medios para anunciar a solicitude dunha comisión de investigación sobre a atención aos nosos maiores nas residencias durante a primeira ola da pandemia e sobre a xestión da Xunta ao respecto.
“Todos somos conscientes de que houbo moitas irregularidades, e temos unha débeda pendente cos galegos e coas galegas”, subliñou Gonzalo Caballero, toda vez que nos xeriátricos faleceron case a metade das persoas que perderon a vida pola covid na nosa comunidade e á vista de que está habendo casos de novo en residencias, como no Inicio, Lalín ou Culleredo, que “nos preocupan moitísimo”.
En concreto, aludiu á falla de persoal nas residencias, aos protocolos de traslado dos maiores con coronavirus aos centros hospitalarios, aos fallos de prevención nos centros aos que se enviou aos anciáns que estaban sans e nos que tamén entrou o virus, á ausencia de respostas ás familias e ao retraso da Xunta á hora de intervir xeriátricos como o de Domus Vi en Santiago.
Ademais, o líder dos socialistas galegos argumentou a presentación desta iniciativa en que foi “un compromiso” que el mesmo fixo público durante a campaña. “Comprometémonos con dar respostas ás familias de quen perderon a vida nas residencias de maiores, e cumprimos coa nosa palabra”, recalcou, e requiriu a apertura desta comisión inmediatamente trala investidura do presidente da Xunta. “É o seu primeiro gran reto”, engadiu.
Neste contexto, Gonzalo Caballero apelou ao PP para apoiar a apertura desta comisión de investigación dende o convencemento de que “a todos ten que unirnos o desexo de saber que ocorreu nestes centros para que non volva suceder”. “Que asuma a súa responsabilidade como grupo maioritario para atender esta petición das familias das vítimas”, recalcou.
É máis, o máximo dirixente do PSdeG defendeu esta comisión como “unha oportunidade” para deseñar “un cambio de modelo” nas residencias, con máis persoal para atender as necesidades dos maiores e con maior control por parte do sistema público. Ao respecto, puntualizou que esta petición ten “carácter positivo e construtivo” e que o seu obxectivo é aclarar as “sombras de dúbida” que existen e “aprender dos erros”.
“UNHA PEAXE MOI CARA”
Pola súa banda, Marina Ortega citou o informe do Consello de Contas do ano 2017 nos que o ente fiscalizador poñía o foco na “paulatina redución da previsión das inspeccións en residencias por parte da Xunta” e sobre o feito de que as irregularidades detectadas en cuestións como os rateos de persoal nunca se corrixiron sen que iso derivara en expedientes sancionadores.
Esta “conivencia” da Xunta con “imperios xeriátricos” que operan en Galicia, denunciou a voceira de Política Social do PSdeG na Cámara galega, tivo durante a pandemia “unha peaxe moi cara” que incluso levou á Fiscalía a investigar máis de media ducia de casos nos que existen dúbidas sobre se os maiores en residencias estiveron debidamente protexidos.
En paralelo, a tamén secretaria de Política Social do PSdeG pediu explicacións sobre a decisión da Xunta de excluír aos residentes con dependencia severa ou grande dependencia do traslado a residencias medicalizadas, e que foi ratificada pola propia directora da residencia de Domus Vi en San Lázaro, en Santiago.
“Mi sorpresa es que me indican que el protocolo indica derivar únicamente a los más válidos, a los autónomos, polo que nos quedaban en el centro los grandes dependientes, más frágiles, y casi seguro los que peor evolucionarían ante un contagio”, leu Marina Ortega da carta, tras o cal pediu á Xunta que aclare que decisións tomou sobre os maiores en residencias durante a pandemia.
“Temos unha débeda cos maiores e as súas familias, que reclaman máis atención, máis datos, máis transparencia por parte da Xunta”, incidiu a voceira de Política Social, para quen “os nosos maiores merecen que se cumpra todo exhaustivamente e ter os coidados que merecen”. Por iso, subliñou, “o PP ten que apoiar que se esclarezan os feitos”.
INICIO DO CURSO
Á marxe, Gonzalo Caballero fixo referencia á próxima xuntanza do Ministerio de Educación coas comunidades para abordar o inicio do curso escolar, e reclamou á conselleira do ramo que se reúna “hoxe mesmo” coa comunidade educativa e os grupos parlamentarios. “Que escoite as propostas e consensúe unha liña de acción adecuada ás necesidades e ás posibilidades”, instou.
Trátase, como dixo, de “corrixir a inacción, a improvisación e as desfeitas” da Xunta neste inicio de curso, ao que chega “sen ter os deberes feitos” e cun gran malestar na comunidade educativa pola “falta de consenso”. “Non pode pasar un día máis sen que o goberno galego tome medidas, e nós temos propostas e solucións onde a Xunta só ten falla de previsión e caos”, sentenciou.