Pablo Arangüena compromete unha oposición “leal e construtiva” pero “moi firme” na esixencia á Xunta para que asuma as súas responsabilidades
Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2020. O vicevoceiro parlamentario do PSdeG, Pablo Arangüena, situou hoxe como prioridade neste inicio de lexislatura que a Xunta poña en marcha “todos os recursos” para facer fronte aos efectos “económicos e sociais” da pandemia. Neste sentido, Arangüena lembrou que o goberno galego debe exercer as súas competencias e deixar “de botar balóns fóra” porque estamos nun momento “crucial para Galicia”.
No día da constitución da Deputación Permanente e das comisións parlamentarias, o vicevoceiro parlamentario socialista comprometeu unha oposición “leal e construtiva” pero “moi firme” para que a Xunta asuma as súas responsabilidades. Neste contexto, Arangüena amosou a “preocupación” dos socialistas pola situación actual da pandemia e botou en falta a xestión da Xunta. “Galicia ten unha autonomía plena de primeiro nivel, ten moitas competencias e ten que exercelas”, salientou.
Nun momento “tan decisivo”, e na medida en que “os efectos económicos e sociais da pandemia van ser moi fortes”, o goberno galego “non está á altura”, lamentou o vicevoceiro, non só en materia sanitaria e social, senón tamén en materia económica e educativa. Neste eido, o Grupo Parlamentario do PSdeG volveu urxir á Xunta para que “poña os recursos necesarios para que este inicio de curso se produza coas maiores garantías”, porque é a administración autonómica a que “ten todas as competencias” nas escolas. Do mesmo xeito, o presidente da Xunta “non pode dicir” censurou Arangüena, que a economía sexa “cousa do Goberno cando ten a competencia plena de promoción económica e política industrial”.
Pola súa banda, Arangüena garantiu que o PSdeG traballará con “moitas ganas e moito ánimo a pé de país” na nova lexislatura que comeza, “cun galeguismo con sentido práctico”. Así é que “imos estar moi esixentes” para que a Xunta “dea resposta” ás necesidades das galegas e galegos.