A deputada do PSdeG, Carmen Rodríguez, reclamou este xoves na Comisión de Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes, “políticas reais de prevención” de lumes no Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. A socialista censurou que “neste espazo natural único sexan cada ano milleiros de hectáreas arrasadas”, e onde un dos lumes tivo como consecuencia o 8 de agosto o accidente dun hidroavión portugués “que finalmente deixa o triste desenlace dos dous pilotos falecidos”, lamentou.
Para a deputada socialista “estes incendios continuados responden a falta de medios, de persoal e o desleixo absoluto durante anos da Xunta en materia de lumes”. Carmen Rodríguez lembrou que esta situación agravouse “dende o ano 2016 cando 3.000 hectáreas foron arrasadas polo incendio ocorrido no parque natural de Entrimo”. A partir de ese ano esta situación, segundo resaltou a parlamentaria, “vén repetíndose ano tras ano” sen que o goberno galego tome medidas na protección deste espazo natural.
Rodríguez urxiu ao goberno popular a “asumir responsabilidades e facer dunha vez políticas preventivas” e de xestión no parque e en toda a provincia. Ademais instou á Xunta “a que traballe nunha coordinación coa Administracións portuguesa” na especial protección e desenvolvemento desta zona, e o estudo das causas dos incendios que veñen tendo lugar dende o ano 2016.
Neste contexto, Rodríguez recordou “o drama vivido por veciñas e veciños de Ourense estes últimos días” con lumes que calcinaron xa preto de 10.000 hectáreas na provincia e “poñendo en risco vidas e arrasando bens e patrimonio natural cuxo valor é incalculable”, salientou.