Besteiro, candidato socialista á presidencia da Xunta, amosa a súa preocupación porque Rueda sexa “un dos que lidera esta campaña de crispación” e pídelle “que traballe pola convivencia”
Denuncia que a actitude de Feijóo e Rueda “é o resultado do seu matrimonio con Vox”
“No lugar de falar de golpes de estado, o que levaron PP e Vox foi un golpe de realidade ao perder as eleccións”, afirma
O PSdeG proporá na sesión plenaria deste mércores no Parlamento de Galicia a aprobación dunha declaración institucional, que deberá ser aprobada por unanimidade, para condenar os ataques violentos sufridos nos últimos días nas sedes do PSOE en todo o territorio.
O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, reprochou este martes que tanto Feijóo como Rueda non condenen estes ataques violentos. Para o deputado galego o silencio dos populares “é o resultado do seu matrimonio con Vox” e lamenta que “o PP actúa hoxe coma un hooligan”.
Besteiro opina que “moitos votantes deste partido, xente de ben, non están cómodos cun Feijóo e Rueda absolutamente abascalizados. A violencia non ten cabida na política, polo menos non para o PSOE e, estou seguro, que tampouco para os galegos e as galegas”, engadiu.
Golpe de realidade
Gómez Besteiro apuntou que “no lugar de falar de golpes de estado, o que levaron PP e Vox foi un golpe de realidade por perder as eleccións en España, un golpe pola súa a incapacidade de aceptar a derrota e colaborar construtivamente”.
Advertiu ao presidente da Xunta que “en Galicia non queremos importar o clima de crispación que impulsa Ayuso. E preocúpame que sexa o presidente de Xunta, Alfonso Rueda, un dos que lidera esta campaña da crispación.”
“Necesitamos un presidente que se dedique a resolver os problemas dos galegos e galegas no lugar de fomentar divisións”, alegou Besteiro, quen entende que “é evidente que Alfonso Rueda busca facer méritos diante Ayuso, polo que poida pasar no PP nos próximos meses”.
“En Galicia non coñecíamos a Rueda, pero agora que o estamos empezando a coñecer, pedímoslle que traballe pola convivencia e non traslade a súa frustración á sociedade galega”, concluíu o candidato socialista.