A viceportavoz do Grupo Parlamentario Socialista asegura que, “agás sorpresa maiúscula”, o debate será máis do mesmo: “Veremos a un presidente que oculta a súa inacción detrás da soberbia, porque esa é a realidade tras 16 anos de goberno do PP: unha Galicia estancada e cada vez máis afastada do que podería ser”
A viceportavoz do Grupo Parlamentario Socialista, Elena Espinosa, reclamou este domingo que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, aproveite o Debate do Estado da Autonomía (DEA) para dar explicacións á cidadanía e fuxir da autocompracencia que o caracteriza: “A loa xa a organizou a semana pasada, cun acto no que se presentaron como favores o que en realidade son dereitos: vivenda, axudas, atención social…”, sinalou.
Espinosa advertiu de que, despois dun ano de goberno, os problemas de fondo seguen sen resposta. “Temos a sanidade pública nun dos seus peores momentos, o acceso á vivenda está bloqueado, o galego perde falantes, os concellos están a asumir e pagar funcións que lle corresponderían á Xunta e o apoio á industria practicamente desapareceu”, resumiu.
Lembrou tamén a recente crise dos aranceis de Trump como exemplo da falta de resposta real do goberno galego. “Reuníronse varios conselleiros, fixeron fotos, pero ao final ofreceron só uns créditos do IGAPE que xa existían. Nada novo. Só unha posta en escena”, lamentou.
Fronte a esta ausencia de proxecto, o Grupo Socialista, anunciou Espinosa, levará ao debate propostas concretas, útiles e realistas. Entre elas, a creación dun Banco Público de Alugueiro para facilitar o acceso á vivenda, especialmente para a mocidade, ou un plan de reforzo urxente da Atención Primaria, que permita garantir unha sanidade pública accesible e de calidade en todo o territorio. “Galicia necesita un proxecto con ambición, ideas claras e que represente o cambio que necesitamos. Esa é a alternativa que representa o PSdeG”, subliñou.
A socialista, “agás sorpresa maiúscula”, agarda un debate con máis do mesmo: “Un presidente que oculta a súa inacción detrás da soberbia. Esa é a realidade tras 16 anos de goberno do PP: unha Galicia estancada e cada vez máis afastada do que podería ser”, concluíu.