Luis Álvarez destaca que a Xunta podería ter contratado 1.760 docentes máis cos fondos covid do goberno, como fixeron outras comunidades
Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2020. O voceiro de Educación do Grupo Parlamentario Socialista, Luis Álvarez, lamentou hoxe que Galicia se sitúe “á cola” das comunidades que menos aumentaron a plantilla docente para facer fronte ao inicio do curso escolar, cun cativo 0,55% de incremento de só 240 contratacións novas.
“En Extremadura, cun rateo de alumnos por profesor similar ao de Galicia, o aumento no número de docentes é 5,3 veces superior ao de Galicia”, remarcou o deputado socialista, quen referiu que a taxa de mellora dos cadros docentes estremeños acada o 2,93%.
Ademais, Luis Álvarez contrastou que os maiores datos de incremento de plantillas se dan nas comunidades presididas por socialistas, como amosan os casos de Canarias (+10,32%) ou Castilla-La Mancha (+8,27%). No extremo oposto, son as autonomías gobernadas polo PP as que presentan os menores incrementos, sendo o caso de Galicia especialmente rechamante.
En concreto, a “case nula” aposta da Xunta polo reforzo docente só se ve empeorada por Madrid, que rexeitou aumentar o número de profesores. A continuación, sitúanse Castilla y León e Murcia, tamén con gobernos conservadores, cun 1,59% e un 1,83% de aumento respectivamente.
REPARTO FONDOS COVID
En paralelo, Luis Álvarez recordou que o goberno consignou 1.600 millóns de euros para as comunidades, a fin de tomar as medidas oportunas para afrontar o inicio do curso escolar, e que Galicia recibe case 74 millóns de euros deses fondos covid.
Ao respecto, subliñou que, cun volume de fondos covid equiparable e aínda “lixeiramente inferior”, Castilla-La Mancha “investiu en novas contratacións 12,5 veces máis que Galicia”. Por tanto, esixiu a Feijóo que explique “para que está usando os cartos que veñen do goberno”.
“A Xunta podería ter contratado 2.000 docentes novos e non os 240 anunciados”, remarcou o tamén secretario de Educación do PSdeG, quen advertiu a Feijóo de que non pode agora tentar “tapar a súa deficiente xestión educativa” tras anos de recortes “reclamando medidas ao goberno” para a volta ao cole. “Ten que asumir as súas competencias e deixar de botar balóns fóra”, incidiu.
GALICIA, O 0,81% DOS NOVOS DOCENTES
Atendendo aos números, dos novos 29.367 profesores contratados en toda España na rede pública e concertada, os 240 anunciados pola Xunta supoñen un 0,81% do total, o que de novo coloca a Galicia á cola do ranking e moi lonxe da media estatal, cunha suba dun 3,78%.
Co maior incremento docente atópase Cataluña, con 7.921 profesores máis (un 27,25% do total); e séguena Andalucía, con 6.300 contratacións (21,45% do total); Comunidad Valenciana, con 4.374 novos profesores (14,89%); Canarias, con 3.300 incorporacións (11,23%) e Castilla-La Mancha, con 3.000 (10,21%).
Na parte media, Navarra sumou 633 docentes; máis que Aragón (604), Castilla y León (600), Extremadura (586), Murcia (500), Baleares (458), Asturias (400) e La Rioja (250). Só Cantabria contará con menos incorporacións novas que Galicia, con 201, se ben supoñen un incremento do 1,95% do seu persoal docente.
TERCER PEOR DATO DE ESPAÑA
Canto á porcentaxe de incremento sobre as plantillas existentes, Madrid e Euskadi amosan os peores datos, toda vez que non aumentaron o profesorado neste inicio de curso marcado pola covid, e a continuación sitúanse Galicia (un 0,55% máis de docentes que antes da chegada da pandemia), Castilla y León (1,59%) e Murcia (1,84%).
Aragón e Cantabria, cun 1,95%, atópanse por detrás de Baleares (2,28%), Asturias (2,75%), Extremadura (2,93%), Navarra (3,60%), La Rioja (4,36%) e Andalucía (4,47%). En cambio, as autonomías que máis incrementaron os seus cadros docentes foron Comunidad Valenciana (5,27%), Cataluña (6,3%), Castilla-La Mancha (8,27%) e Canarias (10,32%).
COMPROMISO SOCIALISTA COA EDUCACIÓN
En resumo, o 46% de todas as novas contratacións correspóndese con comunidades gobernadas por socialistas, a pesares de contar con só o 32% do total do profesorado.
En paralelo, un 28% dáse en gobernos nacionalistas ou rexionalistas, que teñen o 22,5% dos docentes de España; e o 26% restante rexístrase en comunidades gobernadas pola dereita, e que concentran o 45,1% do profesorado total.