A parlamentaria do grupo socialista, Noa Díaz, levou á cámara galega a preocupación da veciñanza de Val do Dubra ante o proxecto para instalar un vertedoiro na antiga canteira da parroquia de Niveiro. Para seguir de primeira man o transcurso do debate na comisión, achegouse ao Pazo do Hórreo o voceiro municipal socialista en Val do Dubra, Diego Luis Díaz Méndez.
No transcurso da comisión 6ª do Parlamento de Galicia a parlamentaria socialista, Noa Díaz, trasladou as inquedanzas da veciñanza, así como do conxunto do corporación municipal de Val do Dubra, así como do concello veciño de Trazo, polo proxecto de creación dun vertedoiro na antiga canteira de Pedra Facha.
Noa Díaz amosou a preocupación compartida polo grupo municipal socialista e a veciñanza pola instalación dun vertedoiro que tería “instalacións nocivas e noxentas” durante un período de 15 anos.
Asegurou que “existen dúbidas e moita preocupación polas consecuencias que ese proxecto podería causar” nomeando algunhas delas como “o excesivo tráfico pesado, o ruído e os cheiros e a afectación á calidade das augas”, sendo de especial relevancia ao ser un concello onde a agrogandeiría é a súa principal actividade.
Este proxecto encaixa dentro do programa de restauración das canteira para darlle un novo uso que promove a Xunta, pero ten un informe contrario por parte da técnica municipal ao estar considerado como un terreo rústico. A deputada socialista preguntou pola situación futura do proxecto tras este informe, xa que o grupo municipal socialista carece da información que permita valorar en que estado se atopa este expediente.
Finalmente, tras preguntar en dúas ocasións por unha resposta concreta, o representante do goberno galego afirmou que co procedemento actual tralo informe da técnica municipal, o proxecto de creación do vertedoiro debería estar paralizado por “seguridade xurídica”.
A representante socialista emprazou ao goberno galego a buscar novos proxectos de rehabilitación de canteiras que non consistan soamente en empregalas como vertedoiro e que “tomen exemplo” doutros países europeos onde hai diversos usos que lle dan moito máis “moderno e respectuosos co medio ambiente”.