Begoña Rodríguez Rumbo denuncia que o goberno galego segue obrigando aos concellos a facerse cargo das súas competencias sen aportar financiamento
A viceportavoz do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, rexistrou este venres no Parlamento unha batería de iniciativas para instar á Xunta a que se reúna coa Fegamp para poñer solución á suba excesiva do canon da auga que está “afogando aos concellos”.
Os socialistas galegos insisten en solucionar o conflito derivado das grandes cantidades que a administración autonómica está demandando a determinados municipios pola xestión das súas depuradoras. Sumas económicas que dende as entidades locais sinalan que son inasumibles e que leva ás súas arcas a unha perigosa situación, como así denunciaron o pasado martes, tras reunirse con alcaldes socialistas afectados, José Manuel Lage, secretario de organización do PSdeG, e Alberto Varela, que ademais de ser o responsable de Política Municipal no partido, é alcalde de Vilagarcía e presidente da Fegamp.
Begoña Rodríguez Rumbo, que ademais de viceportavoz do Grupo Socialista, encárgase dos asuntos de índole económica relacionados cos concellos, ven de rexistrar na Cámara galega distintas iniciativas para chegar a unha solución canto antes. Recorda que o conflito nace da aprobación da Lei de Mellora de Xestión do Ciclo Integral da Auga hai apenas un ano no Parlamento cos voto unicamente a favor dos deputados do PP e sen acadar un consenso cos concellos.
Sinala que os socialistas xa alertaron no momento da súa aprobación de “cales ían ser as repercusións económicas desta lei sobre a maioría dos concellos”. Así mesmo, advirte de que de non solucionarse, as entidades locais veranse obrigadas a repercutilo economicamente nos veciños e veciñas cun aumento exponencial do recibo pola xestión da auga.
Non é ningunha novidade este tipo de conflitos para os socialistas, xa que Rodríguez Rumbo incidiu en que a Xunta “segue sen facerse cargo das súas competencias que son desenvolvidas polos concellos sen aportarlle os medios necesarios”, sumándose a xestión da auga ao servizo do SAF, a gratuidade das escolas infantís ou o mantemento dos colexios. Ademais, recorda que a Xunta está recibindo fondos dende o Estado para as políticas de Transición Ecolóxica, nas que se engloban as relacionadas coa mellora do ciclo da auga, e que non están transferindo eses recursos aos concellos.
A viceportavoz socialista considera de especial importancia que todas as administracións públicas estean involucradas para “acadar unha transición ecolóxica eficaz”, obxectivo que ter que ser “unha prioridade para todas elas”, poñendo nun lugar destacado a xestión dun recurso tan escaso como esencial, como é a auga, polo que reclama á Xunta que deixe de lado a confrontación e esgote as vías do diálogo.