O senador Xoaquín Fernández Leiceaga alerta de que “estamos aproveitándonos menos das forzas de recuperación que están afectando positivamente ao conxunto da sociedade española”
A deputada Marina Ortega pídelle á Xunta que use “a cabeza e o sentidiño” para optimizar os fondos que recibe do goberno central en beneficio das persoas
O PSdeG esixiulle hoxe á Xunta que “se poña as pilas” para “empezar a dar trigo” e “cumprir axeitadamente coa cidadanía” impulsando a reactivación e a modernización da economía galega. Así o demandaron hoxe nunha comparecencia ante os medios de comunicación o senador Xoaquín Fernández Leiceaga e a deputada do Parlamento autonómico Marina Ortega.
Os socialistas galegos lembraron que a nosa é unha das comunidades que máis fondos adicionais recibe do goberno do Estado e, a pesar diso, “estamos aproveitándonos menos das forzas de recuperación que están afectando positivamente e de forma moi intensa ao conxunto da sociedade española”.
Nesta liña, o senador Xoaquín Fernández Leiceaga lamentou que Galicia siga a ofrecer peores cifras que o conxunto de España en relación á evolución do emprego. “Na fase de recuperación”, advertiu, “detectamos que Galicia vai por detrás”.
Así, lembrou que en xullo o paro baixou en Galicia o 3,9 por cento fronte o 6 por cento de España ou que a EPA do 2º trimestre indica que a ocupación aumentou en Galicia o 1,6 por cento mentres que en España a cifra se situou en case o 2,5 por cento. “En termos interanuais, Galicia están na metade de creación de emprego que en España”, exemplificou.
O GOBERNO DE PEDRO SÁNCHEZ CUMPRE CON GALICIA
Neste escenario “preocupante”, Xoaquín Fernández Leiceaga apostou por “esixirlle moito máis á Xunta”, que “ten que deixar a súa crítica constante ao goberno do Estado para pasar facer cousas e cumprir cos cidadáns adecuadamente”.
Para iso, “somos una das comunidades que máis fondos adicionais recibe”, remarcou antes de debullar algún deles, como os máis de 800 millóns de euros dos fondos anticovid ou os fondos Next Generation, dos que as comunidades van xestionar o 55 por cento, “o que significa que Galicia vai ter una enorme oportunidade”.
A maiores, Leiceaga menciounou o reparto de fondos para o emprego, dos xa se fixeron achegas por 2.500 millóns de euros en abril e dos que agora chegarán 700 millóns de euros adicionais, case 46 deles para Galicia.
“A Xunta”, remarcou, “ten toda a dispoñibilidade de fondos e máis para contribuír á modernización de Galicia e poñela en liña co que vai suceder no conxunto da economía española”. Así incidiu en que “hai que pedirlle á Xunta que faga o esforzo: O goberno de Pedro Sánchez cumpre, a cogobernanza é una realidade innegable e a Xunta ten que garantir a xestión dos fondos para facer una recuperación incisiva e centrada na creación de emprego e na modernización”.
MARINA ORTEGA
Nesta mesma liña, Marina Ortega expresou o seu “optimismo” cara a “inminente reactivación que precisa Galicia” por dous motivos. O primeiro é que “a vacinación está a ser un éxito”, con España como “un dos países máis destacados de todo o mundo”.
O segundo motivo é que “Galicia é a quinta comunidade que máis fondos anticovid recibe” e, polo tanto, “é o momento de utilizar a cabeza e o sentidiño para destinar eses fondos para as persoas e para optimizar ao máximo a reactivación”, que é “o prioritario para a cidadanía e para retomar o rumbo”.
BALANCE DE ACTIVIDADE NO SENADO
Xoaquín Fernández Leiceaga tamén fixo balance do que foi este semestre político no Senado. Neste eido explicou que “conseguimos aprobar 17 proxectos de lei”, entre os que salientou a Lei de protección integral da infancia e da adolescencia, ou a de cambio climático e de transición enerxética. Nesta última “conseguimos que se tiveran en conta as demandas que se facían dende Galicia na lexislación relativa ao litoral”.
Ao mesmo tempo, tamén se impulsou a atención do goberno sobre temas de Galicia, como no caso de Alcoa, o Xacobeo ou as infraestruturas.
“O goberno cumpriu amplamente con Galicia e foi capaz de levar adiante compromisos importantes, como a rebaixa das peaxes da AP9 ou coa chegada do AVE a Galicia, que vai concretarse este ano”, concluíu.