Aitor Bouza criticou que a Xunta do PP ten “absolutamente esquecida” a comarca de Bergantiños e a Costa da Morte e que “un ano tras outro” non se executen as partidas dos Orzamentos destinadas a actuacións coma o desenvolvemento da zona empresarial
Patricia Iglesias, que defenderá a demanda este venres no Parlamento galego, reprochoulle ao Goberno galego que pasaron 16 anos desde que Feijoo prometera incrementar o número de parcelas, co resultado de que a día de hoxe non queda ningunha dispoñible
Os socialistas reclamáronlle hoxe en Carballo á Xunta de Galicia que acometa canto antes a ampliación do polígono industrial da localidade, unha área clave para o desenvolvemento da comarca e que na actualidade carece de parcelas dispoñibles para o asentamento de novas empresas. En declaracións aos medios, e acompañados de compañeiros e compañeiras de toda a comarca, o secretario de Acción Territorial do PSdeG, Aitor Bouza, e a deputada Patricia Iglesias recordaron que pasaron 16 anos desde que Feijoo prometera incrementar a superficie da zona empresarial.
“Seguimos esperando”, denunciou Iglesias, que criticou que non foi ata o 2020 cando “realmente se empezou a mover algún papel do expediente”. Porén, a día de hoxe só está licitado, “pero non adxudicado”, o proxecto de expropiación dos terreos. Tampouco están listos a modificación do planeamento nin os trámites para a reparcelación e urbanización. O que si deixou claro a Xunta é que “ata o 2028 non imos ter solo dispoñible”, censurou a deputada.
A ese recoñecemento por parte do Executivo de Rueda, Patricia Iglesias uniu outras mostras da “pouca aposta do Goberno galego coa bisbarra de Bergantiños e a Costa da Morte”. Entre elas, apuntou que a variante que debería conectar Carballo co polígono “segue esperando non soño dos xustos”.
Aitor Bouza afondou na necesidade de incrementar a oferta de solo industrial na zona, “unha reivindicación histórica” que a Xunta debe atender en vez de “mirar para outro lado”. “Rueda ten que cuprir os seus compromisos, non só electoriais, senón tamén cos veciños e veciñas”, dixo o secretario de Acción Territorial, para o que o desenvolvemento do polígono demostraría que se aposta polo emprego “e por exercer as competencias autonómicas”.
Criticou Bouza que o PP ten “absolutamente esquecida” unha comarca na que conta con “escasa representación”. Fronte a ese xeito de actuar, reivindicou que os e as socialistas apostan “claramente” por que a cidadanía teña uns servizos públicos de calidade “goberne quen goberne” en cada territorio.
A Xunta “ten que pasar das palabras aos feitos”, dixo Aitor Bouza. Nese senso reprochoulle ao PP que pase “un ano e outro ano e as partidas dos Orzamentos non cheguen a executarse”. “O que queremos é reivindicar alto e claro que se cumpran dunha vez os compromisos e se faga efectiva a ampliación do polígono”, reiterou.