A voceira de Igualdade do Grupo Socialista, Noa Díaz, pregunta á Xunta cantas denuncias houbo neste eido logo do caso da alumna de Culleredo rexeitada por unha empresa
Santiago, 14 de marzo de 2021. A voceira de Igualdade do Grupo Socialista no Parlamento, Noa Díaz, reclamou hoxe á Xunta que garanta que as empresas que ofrecen prácticas de FP non discriminan por sexo ao alumnado.
“Que a Xunta dispoña os mecanismos precisos para corrixir calquera discriminación e que sancione os incumprimentos En futuras prácticas”, subliñou a deputada socialista logo de coñecer o caso dunha alumna que viu rexeitada a súa petición para realizar as prácticas de final de curso nunha empresa por “non ter vestiarios para mulleres nin a vestimenta axeitada”.
“É incrible que isto suceda no século XXI”, remarcou a socialista compostelá.
Ante este caso, Noa Díaz demandou saber se a Xunta “pensa tomar algunha medida” para solucionalo, e anunciou tamén que presentará iniciativas parlamentarias para reclamar ao goberno galego que inclúa “unha cláusula específica nos convenios” que impidan que empresas que ofertan prazas para o alumnado de FP poidan discriminar por sexo aos demandantes.
Ademais, a parlamentaria do PSdeG preguntará á Xunta “cantas queixas ou denuncias por discriminación de sexo nas empresas de prácticas da FP se levan producido por parte das alumnas nos últimos dez anos”.