Silvia Longueira: “Un goberno que non planifica, improvisa. E cando se improvisa con dereitos, pérdense”
A deputada socialista denunciou que “a Xunta prefire contratos que planificación. Porque os contratos dan negocio e por contra, os plans dan transparencia”
O Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia vén de presentar no Parlamento unha moción que insta á Xunta a cumprir coa Lei de Servizos Sociais de Galicia e a aprobar, no prazo máximo de seis meses, un Plan Estratéxico de Servizos Sociais, “unha ferramenta clave para garantir dereitos, asegurar a igualdade e rematar coa improvisación que define a política social do Goberno galego”.
A portavoz de Política Social do Grupo socialista Silvia Longueira, presentou unha moción no Pleno do Parlamento que foi rexeitada polo PP. Longueira advertiu que Galicia leva máis dunha década sen planificación estratéxica en servizos sociais, malia ter unha lei que obriga a elaborala, e lembrou que a falta de planificación “é a causa directa das desigualdades, da saturación dos equipos municipais e da invisibilización de moitos colectivos vulnerables”.
“A Xunta prefire contratos que planificación. Porque os contratos dan negocio e por contra, os plans dan transparencia”, sinalou Longueira durante a defensa da moción.
Na súa intervención, a socialista fixo un diagnóstico claro da realidade galega: “Quedamos atrás. A nosa comunidade segue entre as que menos invisten por habitante en servizos sociais: en 2023, un 20% por debaixo da media estatal, segundo datos da Asociación Estatal de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais. Máis do 70% das prazas residenciais están en mans privadas, cunha tendencia crecente á concertación opaca”. Ademais, denunciou, “persisten graves desigualdades territoriais: moitos concellos do rural carecen de traballadoras sociais a tempo completo ou de acceso a servizos básicos”.
Longueira sinalou que a día de hoxe, a Xunta non publica datos clave sobre cobertura, tempos de espera, calidade percibida ou impacto real dos programas. A inexistencia dunha planificación plurianual e dunha memoria económica desagregada por programas sociais “impide o control democrático e dificulta a acción estable do terceiro sector”, explicou.
Fronte a esta realidade, os socialistas galegos esixen un Plan Estratéxico que estableza obxectivos claros e medibles, con indicadores de seguimento e avaliación; que conte cunha memoria económica realista e plurianual; que garanta a participación activa dos concellos, das deputacións, do terceiro sector, dos colexios profesionais e da cidadanía organizada; que aposte por un modelo de servizos públicos, universais, accesibles e de calidade, reducindo a dependencia da concertación privada; e que reforce a equidade territorial e a dimensión preventiva e comunitaria da intervención social.
“Planificar é garantir dereitos. E iso ao PP dálle medo”, concluíu Longueira. “As persoas vulnerables non poden seguir esperando a que a Xunta se decida a gobernar con responsabilidade.”
Nesta liña, a socialista fixo un chamamento a deixar atrás a etapa da improvisación e poñer en marcha un Plan Estratéxico de Servizos Sociais que pense nas persoas, non nos negocios; “que faga país dende a dignidade, non dende a caridade.”