“Mentres sabemos que 470 millóns de euros foron parar a fondos privados para que recurtaran a sanidade pública galega, o presidente segue calado”, denuncia o portavoz da Executiva, Julio Torrado
O Partido Socialista xa alertou no 2015 de irregularidades na contratación do hospital vigués e solicitou a través do seu grupo parlamentario que se abrise unha comisión de investigación, pero foi rexeitada
O Grupo Socialista vén de rexistrar diversas baterías de iniciativas no Parlamento de Galicia para esixirlle ao Goberno galego do PP que dea explicacións sobre a situación do Hospital Álvaro Cunqueiro. Tras facerse público o informe do Consello de Contas que dá conta dun despilfarro de case 500 millóns de euros, o PSdeG demanda que Rueda achegue “toda a información necesaria” para aclarar por que o Partido Popular decidiu retocar o proxecto inicial para recurtar tanto en número de camas como en persoal sanitario, “o que implica maior derivación á sanidade privada”, sinalou hoxe o portavoz da Executiva, Julio Torrado.
Torrado criticou que a fórmula de “asociarse con especuladores financieiros para que a construción do hospital se fixese con capital privado provocou un sobrecuste de 470 millóns de euros que hoxe seguimos pagando os galegos e as galegas”, algo que se debe reverter. Por ese motivo, as iniciativas inclúen tamén unha reclamación nese senso: que a Xunta poña en marcha un plan para devolver o centro hospitalario vigués “ao sistema integramente público, como debe ser, e que deixe de ter inversores privados estranxeiros”.
O voceiro da Executiva socialista defendeu que se trata de demandas que se suman á liña que vén mantendo o PSdeG durante a última década. No 2015, “xa propuxemos unha comisión de investigación ante as sospeitas que existían por entón, pero foi rexeitada polo PP con malas formas”, lembrou Julio Torrado.
Lamentou tamén que o Partido Popular “sempre negou” o que agora acaba de quedar patente no informe do ente fiscalizador, e censurou que, ademais, fíxoo “con desprezos e falsas informacións que hoxe o Consello de Contas sinala como mentiras”.
Torrado subliñou que o PP “debería recoñecer os seus enganos e aprobar as nosas propostas”, aínda que a súa actitude ata o momento redúcese a que, “mentres sabemos que 470 millóns de euros foron a fondos privados para que recortaran a sanidade pública galega, Rueda segue calado”.