A deputada do Grupo Parlamentario do PSdeG, Marina Ortega, esixiu este mércores no pleno do Parlamento “transparencia e protocolos claros” nas residencias de maiores ante os novos gromos da covid e as “terribles consecuencias que novamente” están a ter para as usuarias e usuarios con centros onde “nun só día se detecta un nivel de contaxio do 90 por cento do total de residentes”.
A responsable de política social do PSdeG, lembrou que “a especial vulnerabilidade” das e dos maiores nas residencias galegas quedou de manifesto “coa perda de 317 vidas, case a metade de todas as vítimas” que a pandemia se ten cobrado na nosa comunidade. A pesar disto, lamentou Ortega, “a día de hoxe non hai constancia” de que a consellería de Política Social “teña implementado unha sola mellora” para arranxar “as graves deficiencias e problemas de persoal e a falta de profesionais cualificados” lamentou.
Marina Ortega precisou a “recorrente petición das traballadoras” reclamando baixar “as ratios” ante a imposibilidade de facer fronte “con garantías e dignidade” aos coidados que precisan as e os residentes. A parlamentaria censurou que a Xunta “non teña feito nada” neste sentido a pesar, “de que pasan os meses e novamente vese na obriga de intervir novos centros” pola alta incidencia do virus nas residencias galegas.
Ante esta situación, Ortega preguntou á conselleira se “houbo algunha aprendizaxe nestes meses” e que “protocolos e criterios” desenvolven unha vez deciden intervir un centro de maiores. E é que para a deputada socialista, “non é de recibo a falta de prudencia e cautela” que amosa a Xunta neste ámbito, cando se lle pregunta a conselleira polas súas responsabilidades ao respecto das residencias, “limítase á política de autobombo”, lamentou.
Neste sentido, Ortega salientou “o feito de que Feijóo cesara ao director xeral de maiores”, o que vén a amosar que “en realidade saben que as cousas non se fixeron ben”. Neste contexto, a parlamentaria socialista esixiu “información detallada, diálogo coas traballadoras e familiares de usuarios e criterios obxectivos na intervención das residencias”.