O PSdeG esixiu hoxe ao presidente da Xunta que aclare se “subscribe” as declaracións da experta que o PP convocou á comisión de investigación sobre os efectos na cidadanía dos recortes na sanidade pública e que cuestionou os tratamentos oncolóxicos por gañar “un par de meses” de vida.
En concreto, Beatriz González chegou a afirmar que “é un problema estar dando tratamentos oncolóxicos” a pacientes cuxa perspectiva é gañar “un par de meses”, dado o custe económico que supoñen.
Fronte a iso, os socialistas galegos urxiron a Feijóo a esclarecer se esa é tamén “a súa opinión” e se “subscribe” as declaracións dos expertos que o PP elixiu para acudir á comisión de investigación no Parlamento galego. Sobre todo, como recordaron, despois de teren negado a comparecencia do familiar do home que faleceu no PAC da Estrada sen recibir asistencia médica.