Pablo Arangüena lembra que o Grupo Socialista pediu esta semana unha comisión parlamentaria para estudar os usos do inmoble, para que se converta nun espazo de recuperación da memoria democrática
Santiago, 20 de novembro de 2020. O vicesecretario xeral do PSdeG, Pablo Arangüena, recordou este venres que o Pazo de Meirás volveu ao público en virtude do traballo do goberno socialista presidido por Pedro Sánchez e defendeu que agora o inmoble “ten que ser un espazo de recuperación da memoria democrática”.
“Non nos fiamos da Xunta logo de tantos anos de conivencia coa familia Franco”, incidiu o dirixente socialista en relación coa cesión do pazo e os seus usos, consciente do “silencio cómplice” de Feijóo ante os incumprimentos dos herdeiros do ditador en cuestións como o réxime de visitas.
Logo do traballo do goberno de España para a recuperación do Pazo de Meirás, Arangüena advertiu de que “agora non podemos consentir que o PP desvirtúe a reivindicación da memoria democrática”. “Só saca o feminismo da chistera para ocultar a memoria histórica”, recalcou.
Nese senso, o vicesecretario xeral do PSdeG deixou claro que “non imos dar un cheque en branco ao PP” que “tire pola borda o traballo feito”, xa que que “nin a conivencia do PP cos Franco nin as algaradas do BNG contribuíron a recuperar este pazo”.
Así pois, Pablo Arangüena recordou a nosa proposta -rexeitada polo PP- de abrir unha comisión non permanente para decidir sobre usos do pazo que fora propiedade de Emilia Pardo Bazán. Nese órgano, defendeu, deben ser escoitadas diferentes administracións, asociacións e entidades.