O portavoz da Executiva, Julio Torrado, advirte que o PP garda silencio ante os ataques machistas contra Pilar Alegría e criticou que as declaracións máis lamentables “veñan precisamente de deputados galegos en Madrid”
Avanzou que o PSdeG acudirá ao Debate sobre o Estado da Autonomía con propostas claras e medibles, entre elas: establecer por lei un prazo máximo de 48 horas para a atención en primaria; crear un Banco Público do Alugueiro ou reforzar a financiación dos servizos sociais municipais, especialmente para a Dependencia
O PSdeG advertiu hoxe que o machismo “non se pode condenar segundo a quen afecte” e instou ao Partido Popular de Galicia a pronunciarse ante os ataques sufridos pola ministra Pilar Alegría nos últimos días. Así o expresou o voceiro da Executiva Nacional Galega, Julio Torrado, nunha comparecencia en Santiago que comezou facendo referencia directa a esta cuestión antes de abordar a valoración do acto organizado onte por Rueda en Santiago e as propostas que defenderá o PSdeG no debate do estado da autonomía (DEA).
Torrado lembrou que hai unhas semanas, ante o cartel difundido contra a conselleira Fabiola García, “o PSdeG foi claro: aquilo era inaceptable, machista e desprezable”. E engadiu: “O mesmo dicimos agora sobre o que está sufrindo Pilar Alegría. O machismo non cambia en función do partido. Os “peros” do PP tamén son machismo”.
Denunciou que nos últimos días cos ataques desprezables contra a ministra Pilar Alegría “as declaracións máis tristes e lamentables que fixo o PP fixéronas deputados galegos: Jaime de Olano, Miguel Tellado e Alberto Núñez Feijóo”.
Torrado pediu ao PP de Galicia que non sexa protagonista deste tipo de política e advertiu que “non lle pedimos a Feijóo que teña unha moralidade que non ten, pero polo menos que diga que se o de Fabiola García foi desprezable —que o foi—, o que está a ocorrer con Pilar Alegría tamén o é”. E concluíu: “O machismo é machismo, sexa contra quen sexa”.
Tras esta introdución, centrouse na valoración do acto organizado polo Partido Popular onte en Compostela con motivo do primeiro ano desde a investidura de Alfonso Rueda. “Foi un acto do PP, con cargos do PP, para falar das políticas do PP. A pregunta é moi clara: quen pagou ese acto? Canto custou? E por que se fixo pasar por institucional algo que era unha exaltación partidaria?”, cuestionou.
O socialista considera inaceptable que ese tipo de eventos poidan estar sendo financiados con fondos públicos: “Se a Xunta paga actos de propaganda do PP, está deturpando a función institucional que debe representar. E se o pagou o PP, que o aclare, con facturas enriba da mesa”.
Torrado advertiu que mentres se organizan este tipo de actos de vasalaxe, “máis propios doutros tempos”, os concellos galegos seguen agardando polo que lles debe a Xunta. “O Consello de Contas fala de case 100 millóns de euros pendentes. Hai concellos que non poden garantir o servizo de axuda no fogar. Esa é a realidade que o PP intenta tapar con festas e aplaudidores”.
Por último, o voceiro socialista avanzou que o PSdeG acudirá ao debate sobre o estado da autonomía con propostas claras e medibles, entre elas: establecer por lei un prazo máximo de 48 horas para a atención en primaria; crear un Banco Público do Alugueiro para actuar directamente no mercado da vivenda ou reforzar a financiación dos servizos sociais municipais, especialmente para a dependencia.
“Mentres Rueda organiza homenaxes a si mesmo, o PSdeG pon sobre a mesa propostas que responden aos problemas reais da xente. Menos celebracións, menos silencio cómplice e máis traballo por Galicia”, concluíu Torrado.