Julio Abalde recorda que, mentres aínda se descoñece cando se poñerán en marcha iniciativas para a competitividade e sostibilidade do marisqueo 2024-2025, a caída das vendas en lonxa xa se sitúa nun 40 % respecto ao ano pasado
O deputado socialista denuncia que o Goberno galego “nega a realidade, mira para outro lado, escóndese tras xustificacións puntuais, busca culpables noutras administracións e anuncia día tras día un plan que nin os axentes do sector coñecen”
O Grupo Socialista esíxelle ao Goberno galego que poña en marcha “de xeito urxente” as medidas do Plan de competitividade e sostibilidade do marisqueo de Galicia 2024-2025, como tamén que deseñe un programa de investigación científico-técnica para acadar un diagnóstico das causas da crise que padecen as rías e, sobre el, propoña medidas correctoras inmediatas “para a recuperación ambiental, económica e social” do sector.
A través dunha batería de iniciativas rexistradas por Julio Abalde, solicítaselle tamén que publique os informes nos que se basea o antedito plan, que, por outra parte, contempla unha serie de medidas que aínda se descoñece cando se van poñer en marcha.
O deputado socialista lembrou hoxe que os datos do marisqueo en Galicia apuntan a unha grave crise que se vén producindo “xa dende hai demasiado tempo”. A situación foi “reiteradamente denunciada” polos profesionais do mar, concellos da costa e partidos políticos, pero “negada sistematicamente pola Consellería”. Contra esa postura, Abalde sinalou indicadores “contundentes”, como unha caída das vendas en lonxa dun 40 % dende principio de ano, respecto do mesmo período do 2023, o que equivale tamén á metade da media das últimas dúas décadas.
Abalde detallou que a crise pásalles factura aos profesionais que desenvolven o seu labor tanto a pé como en embarcación, pero tamén lle afecta á pesca de baixura, que está facturando un 26 % menos que no 2023 e un 37 % menos que a media do último cuarto de século. Matizou, ademais, que “nin o incremento de prezos compensa a drástica redución de capturas”.
Por iso, lamentou que “ante todo ese panorama, a Consellería do Mar nega a realidade, mira para outro lado, escóndese tras xustificacións puntuais, busca culpables noutras administracións e anuncia día tras día un plan que nin os axentes do sector coñecen”.
Julio Abalde invitou ao Goberno galego a recoñecer o que veñen reiterando os socialistas, que a caída da produción marisqueira “é sistémica” e se debe, fundamentalemente, “a procesos vinculados ao cambio climático e á contaminación mariña”. E pese ás evidencias de que o problema ten orixe en factores de tipo ambiental, a Consellería “matiza que se trata dunha hipótese inicial de traballo” e que necesita “máis tempo, máis datos e levar a cabo estudos en máis profundidade”, co que a aplicación de medidas se dilata.
Por outra banda, o deputado socialista preguntouse “como e con que base de estudos científicos se deseñou entón o tan publicitado coma descoñecido Plan de competitibidade e sostebilidade do marisqueo en Galicia 2024-2025”. Segundo afirmou, a Xunta “leva moito tempo perdido, pero o sector non ten tempo”, de modo que a Consellería debe deixarse de escusas e dilacións “e actuar xa”.
O primeiro que debe facer, demandou Abalde, é remitirlle ao Parlamento as medidas contempladas no plan e informar de en que estado se atopa a súa posta en marcha, pero tamén explicar que estudos se están a realizar para impulsar máis medidas correctoras da situación crítica das rías.