Lara Méndez ve a Rueda “incapaz” de dirixir o sistema sanitario e advirte que “non podemos normalizar a atención telefónica” nin as esperas de tres semanas na atención primaria
A vicesecretaria xeral do PSdeG-PSOE, Lara Méndez, denunciou hoxe a “falta de previsión, de planificación e de xestión” do goberno da Xunta nas labores de extinción dos incendios forestais, ao tempo que invocou a necesidade de avanzar cara a profesionalización das brigadas e reforzar o peso do traballos de prevención e coidado do monte que é preciso facer durante o inverno.
Nunha rolda de prensa ofrecida na sede do PSdeG, en Santiago, Lara Méndez sinalou que, dende o principio, os socialistas “quixemos ser respectuosos e prudentes” coas labores de control e extinción dos lumes, pero o certo é que dende os concellos están dando “a voz de alarma” pola “mala xestión e o caos que está xerando a Xunta dende a Consellería de Medio Rural” pola falta de planificación.
Lembrou a dirixente socialista que na comisión de estudo sobre a política forestal celebrada no Palramento se propuxo avanzar cara a profesionalización das brigadas e que o dispositivo autonómico fixera máis fincapé nas labores de prevención dos incendios que hai que facer ao longo de todo ano. “Non pode ser que haxa brigadas que aínda se están conformando no día de hoxe”, engadiu.
Apuntou que o malestar ante o funcionamento do dispositivo de control e extinción non só provén dos concellos do PSdeG, senón “tamén dende os do PP”, que poñen de releve a indefensión que se está a xerar. É máis, subliñou que o déficit de xestión da Xunta suplántase moitas veces “coa boa vontade dos veciños e veciñas que saen a protexer as súas vivendas ante o caos e falta de actuación de quen ten que facer estas labores”.
A representante socialista focalizou as causas dos incendios forestais na falta de planificación do territorio e na deficiente ordenación forestal por parte do executivo galego, o que deixa unha gran cantidade de terreos mal coidados en condicións idóneas para aumentar o dano dos incendios, especialmente nun contexto de altas temperaturas e dun cambio climático cada vez máis visible.
DETERIORO DA ATENCIÓN PRIMARIA
A tamén alcaldesa de Lugo valorou durante a rolda de prensa o “deterioro progresivo” que se está producindo no funcionamento da sanidade galega, e que provocando que a prestación deixe de cumprir co debe ser o principal obxectivo, que é coidar das persoas e “salvar vidas”.
Considera inadmisible, tal e como están a verificar algúns medios de comunicación, que en numerosos centros de saúde de toda a comunidade, especialmente algún radicados en cidades como Vigo, Pontevedra, A Coruña ou en localidades da Mariña luguesa como Ribadeo ou Foz, haxa que agardar “ata tres semanas para ter unha cita presencial” co médico de cabeceira. “Isto supón unha merma tremenda”, engadiu Lara Méndez, que certifica a situación de colapso que ven denunciando dende hai meses o PSdeG.
“A Xunta non pode mirar para outro lado”, sinalou Méndez, senón que debe reforzar o que considera “piar básico do noso sistema de benestar”, empezando por inxectar 140 millóns de euros máis na atención primaria para recuperar o 976 profesionais sanitarios que se perderon con respecto ao ano 2009.
Engadiu que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, “non é capaz de xestionar” a principal competencia da Administración galega, a sanidade, e dedícase “a parchear ou a facer cambios de cromos” entre os diferentes cargos do Sergas, sen ir ás verdadeiras solucións. “E isto se solventa con inxección económica, con investimentos, con facultativos e con máis persoal sanitario”, insistiu Lara Méndez.,
APOIO A SÁNCHEZ BUGALLO
Méndez mostrou o apoio da dirección do PSdeG a Xosé Sánchez Bugallo se este decide volver a presentarse á alcaldía de Santiago. Puxo en valor a xestión do mesmo ao fronte da capital galega, nun “mandato moi difícil” para todos os concello por mor da Covid 19, resaltando que o socialista puido reorganizar os recursos da cidade e seguir coa súa folla de ruta para a transformación da cidade.